Lei de ciencia e innovación de Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Axencia Galega de Innovación
Departamento: Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación - Axencia Galega de Innovación
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 04/05/2023 - 19/05/2023
Información sobre a norma :
Antecedentes:
O principal antecedente da norma hai que situalo na Lei 5/2013, de 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que no seu momento xa fora unha das leis autonómicas pioneiras en materia de I+D+i.
Con esta proposta, a nosa Comunidade busca colocarse á vangarda na regulación normativa da I+D+i, adaptándose ao marco europeo e tratando de aproveitar todas as pancas dispoñibles trala aprobación da Lei 17/2022, de 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, de 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación de España para dar resposta aos retos aos que se enfronta Galicia na actualidade.
Problemas que se pretenden solucionar:
A elaboración da RIS3 2021-2027 partiu dunha profunda diagnose do ecosistema de I+D+i de Galicia de cara a poder identificar os aspectos nos que cómpre seguir traballando e aos que a nova Lei de ciencia e innovación e Galicia tamén debe contribuír.
Nese sentido, a nova norma introducirá medidas destinadas a:
- Reforzar a participación dos axentes, especialmente das PEME e a sociedade nas iniciativas de I+D+i
- Impulsar grandes proxectos tractores
- Avanzar na adaptación dos instrumentos ás necesidades de cada sector, diminuíndo as rixideces normativas e administrativas
- Mellorar o investimento, especialmente o privado, incrementando a colaboración público-privada e potenciando as oportunidades existentes a nivel suprarrexional nacional e internacional
- Aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A proposta dunha nova Lei de ciencia e innovación de Galicia nace nun contexto de crecente relevancia das políticas de I+D+i no escenario europeo e nacional, con elementos chave que se poden identificar como tendencias emerxentes referidas a innovación pública, a colaboración público-privada, a simplificación administrativa, a investigación e Innovación Responsable, o impulso singular ás empresas emerxentes e de base tecnolóxica e a difusión da cultura científica.
Neste marco hai que encadrar a Lei 17/2022, de 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, de 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación de España que incorpora, entre outras novidades, medidas para a mellora da carreira científica e técnica no ámbito da I+D+i, medidas para estimular a atracción de talento e a mobilidade profesional, medidas a prol da igualdade de xénero e medidas de redución da carga administrativa e fomento da transferencia de coñecemento.
Nese sentido, en Galicia xorde a necesidade de establecer un novo marco normativo que incorpore as tendencias mencionadas e permita o aproveitamento de todas as pancas dispoñibles cun enfoque de territorio aliñado coa estratexia de especialización intelixente (RIS3 Galicia 2021-2027) para avanzar no fomento da investigación e o desenvolvemento, a transferencia e valorización de resultados e a innovación, dun xeito que redunde en meirande crecemento económico e melloras na calidade de vida das persoas.
Obxectivos:
Os principais obxectivos da nova Lei de ciencia e innovación de Galicia son:
- Incentivar a innovación nas Pemes a través de estímulos á formación, financiamento e asesoramento
- Coordinar e potenciar os esforzos destinados a promover o coñecemento científico
- Contribuír eficazmente á consolidación da posición das empresas e institucións galegas a nivel de I+D+i no ámbito competitivo europeo e internacional
- Estreitar as relacións entre o sector produtivo e os restantes axentes do sistema galego de I+D+i, xerando novas oportunidades no eido da transferencia
- Fomentar a participación da sociedade na difusión da politica de I+D+i
- Potenciar a difusión á sociedade das actuacións realizadas e dos resultados conseguidos
- Avanzar na simplificación administrativa e a redución de cargas
- Impulsar a innovación pública para que a Administración sirva de exemplo innovador (compra pública de innovación, espazos de ensaio e experimentación, políticas informadas pola evidencia...)
- Abordar a fenda de xénero na I+D+i mediante a aplicación de medidas específicas enfocadas na consecución da igualdade real de oportunidades
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe soamente se contempla a aprobación da Lei.
Rango da norma:
Achegas e opinións recibidas: 16