Lei de estatística de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Instituto Galego de Estatística

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública - Instituto Galego de Estatística (IGE)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 25/04/2023 - 25/05/2023

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 27.6 do Estatuto de autonomía de Galicia declara que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma a estatística para os seus fins. Como consecuencia desta disposición estatutaria promulgouse a Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, na que se establecían os órganos responsables de facer efectiva a competencia e os instrumentos de planificación da actividade. Os principios e garantías aos que se ten que someter a estatística pública galega, o segredo estatístico, a publicidade de resultados e o réxime sancionador tamén foron obxecto da norma.

    Da organización prevista na lei forman parte o Instituto Galego de Estatística, os órganos estatísticos das consellerías e o Consello Galego de Estatística. Aos dous primeiros encoméndaselles executar os plans e programas e ao terceiro actuar como órgano consultivo e de participación da cidadanía. Os decretos 173/2007, do 30 de agosto, 24/2008, do 21 de febreiro e 60/2016, do 26 de maio, regulan estes órganos.

    Ao primeiro plan, vixente para o período 1998-2001, sumáronse cinco máis. Hoxe estase a executar o quinto Plan 2017-2021. 

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Os anos de vixencia da Lei de 1988 amosan a súa fortaleza cara a consolidar un sistema estatístico propio. No entanto, a norma ditouse nun contexto de supremacía das estatísticas baseadas en censos e enquisas directas, cuxa eficiencia se ve comprometida polos cambios tecnolóxicos, a multiplicación da información dispoñible e dos axentes públicos e privados interesados nela, e a necesidade de dispor de datos rápidos e co detalle necesario para facilitar a toma de decisións, afrontar os desequilibrios territoriais e atender outras cuestións relacionadas co medio, a igualdade ou o reto demográfico. 

    Unha estatística pública que use como fonte prioritaria a información dispoñible, especialmente a dos rexistros administrativos e sistemas de información, estaría máis en sintonía coa intensificación tecnolóxica e as novas necesidades de información.Tamén cómpre buscar vías para facer compatibles o rigor técnico e a cobertura da información necesaria para afrontar situacións sobrevidas de crise. A recente sanitaria puxo de manifesto esta carencia da estatística tradicional.  

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Os anos transcorridos desde a aprobación da lei aconsellan modificala á luz da experiencia e tendo en conta a achega de nova normativa, o desenvolvemento tecnolóxico e a potencialidade das novas fontes de datos.

    Detrás da experiencia está a aprendizaxe acumulada logo de seis plans aprobados polo Parlamento e executados pola organización estatística galega.

    Entre a normativa posterior a 1988 por considerar, están a lei de 1989 que regula a función estatística da Administración xeral do Estado, os Regulamentos de 2009 e 2016, sobre estatística europea e protección de datos persoais, ou a nova lexislación para garantir a transparencia, accesibilidade e reutilización da información do sector público. Tamén cómpre axeitar a función estatística para atender as necesidades de datos vencelladas coas políticas de igualdade e impulso demográfico.

  • Obxectivos:

    Asumir o cadro común europeo de calidade como instrumento autorregulador da estatística galega será un dos retos da nova lei. Dos dezaseis principios do código, a lei afondará nos vencellados co emprego de procedementos axeitados, cooperación, diminución da carga de resposta, eficiencia e puntualidade. A razón é que todos inciden na necesidade de considerar os rexistros e sistemas de información como recursos estratéxicos e figuras claves para aproveitar o cambio tecnolóxico e o desenvolvemento exponencial que está a experimentar a información dispoñible. 

    Cómpre conseguir incorporar plenamente os de orixe administrativa, garantindo por norma que estean á disposición dos órganos estatísticos, para integralos en bases de datos e aumentar os estándares de calidade. Rexistros ben actualizados poderán sustentar detalles territoriais non asumibles con enquisas, ou estimacións en tempo real. Mellorar as previsións para deseñar e avaliar políticas públicas, dispor de datos cara a  afrontar o reto medioambiental e atender as perspectivas demógráfica e de xénero, serían outros logros.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Pese a que as sucesivas leis dos plans estatísticos de Galicia foron introducindo cambios puntuais á lei de 1988 e serviron para ir axeitando o sistema estatístico galego ás novas necesidades e fontes de información, cómpre non seguirmos con esta páctica que se limita aos cinco anos de vixencia de cada plan.

    É o momento de elaborar unha nova lei que aspire a regular a estatística galega nun horizonte temporal tan amplo como o amparado pola actual. 

  • Rango da norma:

    Lei