Orde pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación. Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria. Servizo Galego de Saúde

Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 13/02/2023 - 13/03/2023

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Orde do 28 de maio de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 104, do 3 de xuño de 2013, regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia. Acontece, non obstante, que, logo da publicación nestes anos da Orde SCB/45/2019, do 22 de xaneiro; da Orde SCB/480/2019, do 26 de abril, e da Orde SND/44/2022, do 27 de xaneiro, que veñen actualizar o conxunto do catálogo ortoprotésico estatal, faise preciso levar a cabo as oportunas adaptacións nas carteiras de servizos e catálogos de produtos mediante a elaboración dunha nova orde que virá derrogar a vixente do ano 2013.

A primeira das ordes referida establece o catálogo común para cadeiras de rodas, orteses e ortopróteses especiais. A segunda, actualiza as próteses externas distintas de membros, e incorpora ademais a ampliación da idade para o financiamento dos audífonos ata os vinte e seis anos gradualmente, de forma que no primeiro ano se financien ata os vinte anos, incorporando anualmente un tramo de idade de dous anos, ata alcanzar os vinte e seis. A terceira orde incorpora no catálogo as próteses externas de membro superior e inferior, e a actualización das cadeiras de rodas e terapia para o linfedema. As tres disposicións referidas establecen que os responsables da prestación ortoprotésica adaptarán os seus respectivos catálogos, que conterán, polo menos, os tipos de produtos do catálogo común.

Pese a que dende o Servizo Galego de Saúde se vén actualizando o catálogo de forma que xa estea incorporado o conxunto do novo catálogo, faise necesario proceder á derrogación da vixente Orde da Consellería de Sanidade do 28 de maio de 2013, pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, e á aprobación dunha nova disposición que modifique e adapte o catálogo de material ortoprotésico ao novo marco normativo estatal, en base ao disposto no artigo 55 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Problemas que se pretenden solucionar:

Tendo en conta a experiencia dos últimos anos en relación coa prestación ortoprotésica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e respondendo á vontade de continuidade na racionalización da devandita prestación, co obxectivo de conseguir un adecuado nivel de eficiencia da mesma e garantindo a calidade dos produtos prescritos, xorde a necesidade de adecuar as medidas de xestión e control da prestación que substitúan, adapten e melloren as existentes.

Coa publicación da orde, o conxunto da poboación e establecementos de ortopróteses terán acceso ao catálogo de ortoprótese no Servizo Galego de Saúde e actualizaranse os procedementos tendentes a ordenar a prestación ortoprotésica na comunidade autónoma.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A actualización do catálogo de ortopróteses definido nas diferentes ordes publicadas polo Ministerio de Sanidade é unha obriga do conxunto das comunidades autónomas que permitirá actualizar o contemplado na actual norma do ano 2013.

Aínda que por parte do Servizo Galego de Saúde xa se incorporou de facto o catálogo estatal, transferindo as solicitudes que se realizan fóra do catálogo autonómico á Comisión Central para a Regulación e Seguimento da Prestación Ortoprotésica da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesaria esta actualización que permitirá incorporar novos dispositivos e equipamentos e actualizar os prezos do catálogo de ortoprótese publicado nas diferentes ordes ministeriais.

Obxectivos:

O obxecto da presente orde é:

  • Aprobar o Catálogo Xeral do Material Ortoprotésico que figura como anexo I á presente orde. Este catálogo será de aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e contén aqueles produtos sanitarios suxeitos a financiamento polo Servizo Galego de Saúde ás persoas con dereito a cobertura sanitaria dentro do Sistema Nacional da Saúde.
  • Regular as condicións para a prescrición, dispensación e control da prestación ortoprotésica en Galicia dos produtos recollidos na Orde SCB/45/2019, do 22 de xaneiro, pola que se modifica o Anexo VI do Real Decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización; a Orde SCB/480/2019, do 26 de abril, pola que se modifican os Anexos I, III e VI do Real Decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización; e na Orde SND/44/2022, do 27 de xaneiro, pola que se actualiza, no relativo ao catálogo común de próteses externas de membro superior e membro inferior, ortopróteses para axenesias, cadeiras de rodas, orteses e produtos para a terapia do linfedema, o Anexo VI do Real Decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización.
  • Mediante a aprobación do devandito catálogo, fíxase a duración mínima estimada para cada produto, así como a contía máxima, IVE excluído, a financiar polo Servizo Galego de Saúde, da que se descontará, no seu caso, a achega das persoas beneficiarias da prestación, segundo o establecido polo Ministerio de Sanidade. Así mesmo, será obxecto de financiamento polo Servizo Galego de Saúde o IVE do produto que en cada caso corresponda.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

O que se pretende é actualizar a regulación establecida na actual orde de ortoprótese de Galicia e adecuala ao catálogo estatal, traspoñendo o conxunto de próteses e orteses descritas no catálogo estatal ao galego mediante a elaboración dunha nova orde que virá derrogar a vixente.

Rango da norma:

Orde

Achegas e opinións recibidas: 11