-
Antecedentes:
A Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia recoñece e garante na Comunidade Autónoma de Galicia a toda persoa que, como consecuencia da súa discapacidade, deba ser acompañada dun can de asistencia o seu dereito a acceder, deambular e permanecer xunto ao can en calquera lugar, establecemento ou transporte de uso público, con independencia da súa titularidade pública ou privada.
Na devandita norma e, de xeito xenérico, na disposición derradeira primeira da devandita Lei, faculta a Xunta de Galicia para ditar as normas necesarias para o seu desenvolvemento.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Establecer as condicións e os requisitos necesarios para o recoñecemento, a perda e a suspensión da condición de can de asistencia e o deseño do distintivo oficial, así como determinar os requisitos e as condicións da especialización dos adestradores de cans de asistencia e os que deberán cumprir os centros de adestramento e os seus empregados e dependentes para obter a homologación.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Tras a aprobación da Lei 10/2003, do 26 de decembro, a vixente normativa reguladora dos dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, a de accesibilidade, así como a recente modificación da devandita lei a través da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, cómpre abordar a creación dun marco regulamentario que se adapte á realidade actual e que ampare o dereito das persoas con discapacidade que necesitan da axuda dun can de asistencia para acceder á contorna e, por tanto, a unha participación social accesible e efectiva.
Á súa vez, é tamén importante recoñecer o papel relevante destes animais na sociedade e a obriga que teñen tanto as súas persoas adestradoras como as súas persoas propietarias e usuarias de prestarlles os coidados precisos para o seu benestar e para que poidan adquirir a madurez física e emocional adecuadas para prestar un servizo de calidade indispensable ás persoas con discapacidade en Galicia.
-
Obxectivos:
O obxectivo principal da disposición regulamentaria é clarificar, simplificar e desenvolver o réxime xurídico de aplicación ao acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia en Galicia, a regulación do recoñecemento, a perda e a suspensión da condición de can de asistencia e o deseño do distintivo oficial, as unidades de vinculación, os requisitos e as condicións da especialización dos adestradores de cans de asistencia e os que deberán cumprir os centros de adestramento e as persoas empregadas e dependentes nestes para obter a homologación. Igualmente, abordarase a creación dun rexistro galego de cans de asistencia.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non existen solucións alternativas, xa que é preciso ditar as normas necesarias para desenvolver a Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia, tendo en conta a normativa de accesibilidade e a recente modificación da devandita lei a través da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
-
Rango da norma:
Decreto