Decreto de regulación básica dos órganos de asesoramento, calidade e participación das áreas sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 18/11/2022 - 02/12/2022

Información sobre a norma :

Antecedentes:

Transcorridos dez anos desde a asunción do traspaso de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos do Instituto Nacional de Saúde, efectuada polo Real Decreto 1679/1990, do 28 de decembro, e como consecuencia do progresivo desenvolvemento das ciencias da saúde coa implantación nos hospitais das áreas de xestión clínica e da complexidade dos sistemas de información sanitaria como base para unha máis apropiada toma de decisións, fíxose necesario deseñar un marco normativo que establecese a estrutura básica dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, sen menoscabo da adaptación ás necesidades de cada momento.

A tal obxectivo respondeu a aprobación do Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde. A devandita norma, que se mantén practicamente na súa redacción inicial, non foi modificada para adaptarse aos cambios organizativos efectuados pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia e ás necesidades asistenciais actuais.

O Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia prevé, na súa disposición adicional 5ª, que a composición, organización e funcionamento dos consellos de saúde de área, dos consellos de saúde de distrito e doutros órganos de participación establecerase por decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Problemas que se pretenden solucionar:

O Servizo Galego de Saúde dispón dunha organización con dous niveis asistenciais: a atención primaria e a atención hospitalaria. O artigo 97 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, estableceu o mandato de introducir na asistencia sanitaria modelos de xestión e fórmulas organizativas cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais que permitan superar os compartimentos existentes na relación primaria-hospitalaria así como traballar co obxectivo de incrementar a coordinación dos niveis asistenciais acadando maior transversalidade na xestión dos recursos sanitarios.

Para tal efecto, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, e a Lei 1/2018, do 2 de abril, de modificación desta, preveu a división do Sistema Público de saúde galego en áreas sanitarias como demarcacións territoriais equivalentes ás áreas de saúde recollidas no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e distritos sanitarios, como divisións territoriais das áreas sanitarias que constitúen o marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria.

A adaptación dos órganos de dirección á nova estrutura organizativa de integración efectuouse polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

No contexto organizativo exposto, é preciso adaptar os órganos técnicos de asesoramento das direccións de área e os órganos colexiados de participación co obxecto de garantir a presenza de todas as estruturas que conforman as áreas, estendendo a visión integradora do Sistema á composición dos distintos órganos de asesoramento, calidade e participación do Sistema Público de Saúde galego, superando o ámbito hospitalario como eixo central da atención sanitaria, así como contemplar a calidade, a innovación e a promoción da investigación entre as súas finalidades actualizando e promovendo a participación cidadá en consideración das súas expectativas, que posibilitará o intercambio de experiencias e coñecementos.

Obxectivos:

O obxectivo a acadar coa aprobación da norma que se propón é o deseño dunha estrutura básica dos órganos de asesoramento, calidade e participación nas distintas áreas sanitarias que conforman o Sistema Público de Saúde de Galicia, que asegure a participación dos distintos profesionais, de atención primaria e hospitalaria, que interveñen na asistencia así como das distintas organizacións e asociacións e das/os propias/os usuarias/os, que redundará nunha mellor calidade dos servizos sanitarios. 

A incorporación das/dos profesionais de atención primaria aos órganos de asesoramento, calidade e participación das distintas áreas sanitarias asegurará unha composición máis equilibrada así como un funcionamento máis eficiente e coordinado de tales órganos.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

O que se pretende é redeseñar a estrutura básica e composición dos distintos órganos de asesoramento, calidade e participación existentes nas distintas áreas sanitarias. Na medida na que existe un decreto previo regulador dos mesmos, a única posibilidade para acadar o obxectivo proposto pasa por acometer a elaboración e aprobación dun novo regulamento que derrogue o actualmente vixente.

Rango da norma:

Decreto

Achegas e opinións recibidas: 1