Decreto do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Departamento: Consellería do Medio Rural - Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 09/11/2022 - 24/11/2022
Información sobre a norma :
Antecedentes:
A Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria creou a nivel estatal o Observatorio da Cadea Alimentaria con funcións de seguimento, consulta, información e estudo do funcionamento da cadea alimentaria e dos prezos dos alimentos.
Así mesmo, a Lei 12/2013 indica que as comunidades autónomas deben designar autoridades para controlar o cumprimento do disposto nela nos seus territorios, que terán, cando menos, as funcións que esta lei atribúe á Axencia da Información e Control Alimentarios (AICA). Consonte a isto, en Galicia creouse o Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, mediante o Decreto 46/2022, do 21 de abril, polo que se modifica o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, de estrutura da Consellería do Medio Rural.
Problemas que se pretenden solucionar:
Actualmente, as explotacións agrícolas e gandeiras están atravesando moitas dificultades para que os prezos que perciben polos seus produtos cubran os custos de produción. Porén, cubrir os custos é unha obriga legal consonte o artigo 12.ter da Lei 12/2013 de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Este é o problema principal que se pretende atallar coa creación do Observatorio, que servirá de aglutinador e coordinador das achegas dos elos da cadea de valor.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A crise sanitaria de 2020 tivo efectos moi negativos no agro galego, por mor da perda abrupta de canles de comercialización dos seus produtos. Durante o 2021 recuperouse parcialmente a situación prepandémica, pero o 2022 comezou con outra crise por mor da guerra en Ucraína, neste caso derivada da alza dos custos de produción (combustibles, electricidade, materias primas).
O decreto para crear o Observatorio é necesario e oportuno para que os produtores de alimentos e o resto de elos da cadea de valor obteñan un prezo xusto polos seus produtos sen ter que vender a perdas.
Obxectivos:
O obxectivo da norma é axudar a paliar o problema descrito anteriormente e regular de forma axeitada as funcións e composición do Observatorio, que asesorará á Consellería do Medio Rural no exercicio das súas competencias de control da cadea agroalimentaria e das prácticas comerciais desleais.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A proposta de regulación considérase necesaria para que o conxunto do sector analice os datos dispoñibles, achegue propostas e traballe unido na procura de solucións para acadar prezos por enriba dos custos.
Rango da norma: