-
Antecedentes:
A proposta normativa nace alentada polos dereitos e valores que en materia de accesibilidade e inclusión recollen diversos textos internacionais, nacionais e mesmo autonómicos. Tal é o caso da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, do 13 de decembro de 2006, ratificada polo Estado español e publicada no Boletín Oficial do Estado o 21 de abril de 2008, o Tratado da Unión Europea ou a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea, do 7 de decembro de 2000.
No ámbito da lexislación nacional, destaca o Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social; a nivel autonómico, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade e a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia. Trátase de textos que abranguen de forma ampla e completa os dereitos e as liberdades de todas as persoas, nomeadamente as que sofren algunha limitación en materia de accesibilidade ou se atopan nalgunha situación de exclusión social.
Con todo, o proxecto que agora se impulsa nace coa vocación de asentar un marco de referencia nun ámbito competencial tan específico como o cultural, tratando de favorecer a cultura para todas as persoas, a cultura inclusiva e accesible. Se a recente Lei 7/2021, de 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia avanzou moitos aspectos de accesibilidade universal e inclusión social no sector museístico, este anteproxecto busca ampliar esa filosofía a todos os ámbitos da cultura, máis aló dos centros (bibliotecas, arquivos, museos), ás industrias culturais, aos espazos escénicos ou á lingua galega, entre outros. En definitiva, a todo tipo de ámbitos, formatos e manifestacións culturais.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A intención primeira desta norma é a de achegar a cultura a todas as persoas, especialmente ás máis vulnerables ou con maiores dificultades. Para estes efectos, debe contemplar dous aspectos básicos, tanto o dereito ao consumo cultural como o dereito á creación cultural, en ambos os dous casos en condicións de igualdade para todas as persoas, con independencia das súas características físicas, intelectuais ou socioeconómicas.
Xa que logo, o primeiro problema a resolver é o da remoción de obstáculos que xeran desigualdade no acceso á cultura desde as dúas vertentes indicadas.
A norma, igualmente, debe contribuír á remoción das barreiras e limitacións que impiden facer visibles a creatividade e o talento artístico daquelas persoas que, pola súa situación de dificultade, non poden chegar ao público.
Finalmente, debe integrar a realidade de todas as persoas e de todos os colectivos sociais no contexto cultural, facilitando a cultura a todas as persoas e para todas as persoas. Para estes efectos, debe implicar a todos os axentes e ás distintas administracións públicas e facer fincapé na necesaria sensibilización e difusión do talento das persoas pertencentes aos colectivos máis vulnerables social e economicamente.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A maioría das normas aprobadas en materia de accesibilidade e inclusión están orientadas cunha perspectiva eminentemente social e abarcan todos os ámbitos da persoa: educativo, cultural, económico... e, sobre todo, sanitario e asistencial.
Con todo, no campo específico da cultura, estímase oportuna, e mesmo necesaria, unha lei centrada en regular esta co obxectivo de achegala a todas as persoas e de incluír a todas as persoas.
Non se trata polo tanto de aprobar unha nova lei en materia de accesibilidade ou de inclusión, que ademais non competen á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, senón de aprobar unha lei en materia de cultura; de forma específica, unha lei de cultura accesible e inclusiva, xa que sen unha axeitada inclusión cultural non pode haber verdadeira inclusión social.
-
Obxectivos:
- Promover a participación efectiva de todas as persoas na cultura dentro do territorio de Galicia. Con tal fin, esa participación debe facerse desde a inclusión e a accesibilidade, entendida esta en termos de accesibilidade universal, e contemplando a posibilidade e pertinencia de axustes razoables.
- A participación debe comprender tanto o consumo como as creacións culturais.
- A norma debe igualmente integrar calquera tipo de manifestación e ámbito cultural, así como calquera produto ou servizo.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A consecución dos obxectivos marcados debe partir dun texto legal que asente uns principios básicos e fundamentais a partir dos cales poidan arbitrarse medidas ou estratexias singulares.
-
Rango da norma:
Lei