Decreto polo que se regula a actividade deportiva en Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte
Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 30/04/2022 - 14/05/2022
Información sobre a norma :
Antecedentes:
O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22 recolle a competencia da comunidade autónoma en materia da promoción do deporte en réxime de exclusividade.
Ao abeiro desta competencia, apróbase a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cuxo obxecto é “promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia”.
No seu Título III, a norma regula a actividade física e deportiva na CA (capítulos II e III), establecéndose distintas previsións no ámbito das modalidades e especialidades deportivas, as competicións e eventos, o deporte en idade escolar e universitario ou, entre outros, as licencias deportivas.
Problemas que se pretenden solucionar:
Nunha sociedade cada vez máis consciente de que a práctica do deporte, en distintos niveis de intensidade, participación e habitualidade, é unha actividade que comporta beneficios para a saúde das persoas, vense observando que cada día van xurdindo novas expresións de actividade deportiva que, polo seu grao de participación, de implantación, de extensión ou doutros factores, precisan dun marco xurídico claro para que os seus practicantes poidan instar o seu recoñecemento como modalidade ou especialidade deportiva. A día de hoxe existen diversas prácticas deportivas que non encontraron acomodo nas xa existentes ou que, pretendendo encaixar nalgunha delas, non dispoñían dos mecanismos claros e precisos para instar ese recoñecemento.
Xunto a esta realidade, é necesario tamén continuar avanzando na promoción de distintos sectores específicos da actividade física e deportiva, como son, entre outros, os deportes autónomos, o deporte inclusivo, o deporte na natureza, o deporte escolar ou o deporte feminino, así como nas propias previsións da cobertura aseguradora da práctica deportiva, a través do seguro deportivo e do seguro de responsabilidade civil, todo isto baixo as previsións establecidas na Lei do deporte de Galicia.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Recoñecer os distintos sectores específicos da actividade física e deportiva na comunidade autónoma, e dotar dun marco xurídico axeitado para o recoñecemento de modalidades e especialidades deportivas e para a regulación das competicións e os eventos deportivos.
A norma recollerá tamén a regulación da protección aseguradora a través do seguro de accidentes deportivos e do de responsabilidade civil, e a función inspectora da Administración deportiva autonómica.
Obxectivos:
Desenvolver o regulamento sobre a actividade deportiva en Galicia principalmente con respecto aos seguintes aspectos: disposicións xerais, sectores específicos da actividade deportiva e física, modalidades e especialidades deportivas, competicións e eventos, protección aseguradora e función inspectora da Administración.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe soamente se contempla como solución o desenvolvemento normativo da Lei 3/2012, do 3 de abril, do deporte de Galicia, a través da aprobación dun decreto.
Rango da norma:
Achegas e opinións recibidas: 1