-
Antecedentes:
A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no seu artigo 94 "Fomento do turismo", reflicte como medidas de fomento a diversificación da oferta turística mediante o impulso da súa segmentación a través do apoio ao desenvolvemento do turismo rural e de interior, citando, entre outras medidas, a realización de actividades de turismo activo. Nese mesmo artigo tamén establece o necesario apoio ao desenvolvemento do turismo deportivo vinculado con actividades de contacto coa natureza.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A necesidade de aprobar unha nova norma que substitúa o citado Decreto 42/2001, para a súa adaptación ao disposto legalmente, posto que nos últimos anos tense producido un incremento substancial do turismo experiencial, tanto a nivel internacional como nacional, e a tendencia de ofrecer actividades de turismo activo de maneira habitual favorecido polas novas tecnoloxías, dando lugar á creación de actividades de turismo activo que a través das súas páxinas webs ofertan este tipo de actividade para a súa contratación en liña dunha forma rápida.
As problemáticas máis relevantes vinculadas a esta actividade son de diversa índole: impacto económico-social, fiscalidade e tributación, garantía e seguridade das persoas usuarias, calidade da oferta e satisfacción das persoas usuarias, molestias xeradas aos residentes e á cidadanía, intrusión e competencia desleal, entre outras.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
O Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, en desenvolvemento da actualmente derrogada Lei 9/1997 de ordenación e promoción do turismo en Galicia, establecía no seu título III unha ordenación do turismo activo en Galicia. Coa entrada en vigor da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, faise necesario a aprobación dunha nova norma que substitúa o citado Decreto 42/2001, para a súa adaptación ao disposto legalmente.
Ademais, o sector manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de actividade, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do turismo activo regrado.
-
Obxectivos:
A necesidade de aprobar unha nova norma que substitúa o citado Decreto 42/2001, para a súa adaptación ao disposto legalmente.
Así, respecto do anterior, este decreto establece, entre outras novidades, unha nova definición da actividade e dos profesionais do turismo activo, así como a clarificación do seu ámbito de actuación a todas as empresas e profesionais especializados que desenvolvan unha actividade de turismo activo no ámbito territorial de Galicia, independentemente do lugar da súa sede social. Tamén se reflicte explicitamente a exclusión do ámbito de aplicación deste decreto das actividades realizadas por diferentes entidades e profesionais.
Unifícase o proceso para a alta dunha empresa no rexistro da Axencia Turismo de Galicia. Ademais, e para garantir a seguridade das persoas usuarias, regúlase a obrigatoria revisión dos equipos e materiais, o establecemento de novos seguros, como o de accidentes que debe incluír o rescate, e tamén dun protocolo de actuación en caso de accidentes.
Establécese, así mesmo, un artigo sobre a protección do medio ambiente e o patrimonio cultural. Tamén, en prol dunha maior seguridade e calidade do servizo, defínense profusamente os requisitos de formación que debe ter o persoal técnico.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non se prevé ningunha outra.
-
Rango da norma:
Decreto