Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Departamento: Consellería de Cultura, Educación e Universidade - Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 11/04/2022 - 25/04/2022

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 9/1992, de 24 de xullo, de educación e promoción de adultos serviu no seu momento para dotar á Comunidade Autónoma de Galicia dun marco normativo capaz de impulsar a formación das persoas adultas promovendo a creación de centros específicos de formación de persoas adultas, impulsando a colaboración e a coordinación das accións educativas realizadas polas distintas institucións da comunidade autónoma e potenciando a formación do profesorado no ámbito da educación de persoas adultas.

    A experiencia dos trinta anos transcorridos desde a súa aprobación fai necesaria unha profunda revisión e actualización das liñas vertebradoras e dos obxectivos da Lei 9/1992, xa que a sociedade galega actual presenta novas realidades ás que non poden ser alleas as políticas educativas.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta pretende dar resposta ás necesidades formativas da cidadanía galega na actualidade. De igual modo, pretende afrontar os enormes desafíos que esixe a dobre transición ecolóxica e dixital, impulsando de xeito rotundo a adquisición dunhas sólidas competencias dixitais, ofrecendo un acceso flexible e máis amplo á aprendizaxe e contribuíndo a fortalecer a capacidade de resiliencia dos individuos para aumentar o seu potencial de xestionar as transicións profesionais e persoais.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Esta lei ten por obxecto a regulación e a organización dun sistema de aprendizaxe ao longo da vida adulta en Galicia que responda de maneira eficiente ás necesidades de formación permanente da cidadanía galega, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. A formación ao longo da vida adulta favorecerá o desenvolvemento persoal e profesional das persoas e impulsará a súa contribución ao desenvolvemento social e económico de Galicia.

  • Obxectivos:

    Entre os obxectivos da Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta destacamos os seguintes:

    • Impulsar a aprendizaxe permanente, facilitando o desenvolvemento das capacidades ao longo de toda a vida.
    • Facilitar que todas as persoas conten coas condicións necesarias para obter as titulacións do sistema educativo non universitario por medio dunha oferta adaptada ás súas necesidades.
    • Potenciar a equidade social.
    • Garantir que as persoas adultas poidan adquirir as capacidades profesionais necesarias para mellorar a súa empregabilidade e a súa adaptación a contextos laborais en permanente evolución.
    • Fortalecer o sistema de avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas mediante a experiencia laboral e mediante vías non formais de aprendizaxe.
    • Impulsar itinerarios de aprendizaxe flexibles específicos para persoas privadas de liberdade.
    • Actualizar e potenciar a aprendizaxe en liña.
    • Impulsar itinerarios de aprendizaxe flexibles.
    • Fomentar o envellecemento activo.
    • Desenvolver un sistema de orientación que asesore ás persoas sobre as oportunidades adecuadas de aprendizaxe en cada etapa da vida.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Dado que se trata de abordar unha profunda revisión e actualización das liñas vertebradoras e dos obxectivos da Lei 9/1992, de 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, xa que a sociedade galega actual presenta novas realidades ás que non poden ser alleas as políticas educativas, a regulación a través dunha norma con rango de lei resulta idónea.

  • Rango da norma:

    Lei

Achegas e opinións recibidas: 1