Lei de montes veciñais en man común de Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
Departamento: Consellería do Medio Rural - Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 07/04/2022 - 24/05/2022
Información sobre a norma :
Antecedentes:
Os montes veciñais en man común (en adiante MVMC) son unha forma de propiedade de natureza privada e colectiva peculiar e ben característica de Galicia. Pertencen a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e veñen aproveitándose consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.
A primeira lei de montes veciñais de Galicia foi aprobada no ano 1989. A figura xurídica específica dos montes veciñais en man común e os importantes cambios socioeconómicos acontecidos no medio rural galego durante os últimos trinta anos, cun progresivo abandono do territorio rural e da súa xestión, fan necesario regular este tipo de propiedade dunha forma axeitada á realidade actual, de modo que se favoreza o mantemento da capacidade produtiva sustentable destas terras, a valorización de todos os recursos e servizos forestais, a multifuncionalidade, a súa organización e xestión, así como a súa protección e xestión.
Na nova regulación débese apostar por fomentar a boa gobernanza no seo dos órganos de decisión e representación das actuais comunidades de montes veciñais. A necesidade desta revisión normativa está prevista na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia, cara a neutralidade carbónica, aprobado no outubro pasado. De feito a modificación da actual Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (MVMC) e o seu regulamento está incluída en dous eixes estratéxicos: no eixo III, xestión forestal e loita contra o abandono, dentro do programa de dinamización da xestión dos MVMC; e no eixo VI, planificación, ordenación e gobernanza, dentro do programa de Gobernanza do monte galego, iniciativas de desenvolvemento normativo. No plan prevese a aprobación da nova lei antes do 2025, polo que cómpre iniciar o procedemento de revisión da Lei 13/1989, do 10 de outubro.
Problemas que se pretenden solucionar:
A norma pretende ser unha ferramenta normativa útil para acometer con eficacia iniciativas de activación da xestión forestal privada e mellorar a gobernanza dos montes veciñais en man común, mellorando o funcionamento das comunidades e contribuíndo á loita contra o abandono do rural e contra a infrautilización dos terreos forestais.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Os efectos do cambio socio demográfico das últimas décadas son cada vez máis notables desde o punto de vista económico, social e ambiental e teñen un profundo impacto en Galicia. A xestión eficaz das 664.630 hectáreas ocupadas por montes veciñais por parte das súas comunidades propietarias e a mellora do funcionamento destas, permitirá abordar a crecente demanda social de que os sistemas forestais sexan xestionados con criterios de sostibilidade, multifuncionalidade, conservación da biodiversidade e loita contra o cambio climático, e proporcionará interlocutores válidos para o desenvolvemento das políticas públicas e a actuación dos distintos axentes sociais e económicos que operan no territorio.
A necesidade desta revisión normativa foi incluída, co nº 53, entre as recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do plan forestal que foi aprobado polo pleno do Parlamento de Galicia co apoio de tres cuartas partes da Cámara polo que conta cun amplo consenso.
Obxectivos:
Esta norma ten por obxecto establecer un marco xurídico que dea resposta aos novos e diversos desafíos derivados dos cambios socioeconómicos que desde a entrada en vigor da norma actual tiveron lugar no rural galego, así como adaptala aos cambios normativos que se produciron. Regulará este tipo de propiedade, a condición de comuneiro, os actos de disposición ou a organización e funcionamento das comunidades dunha forma adecuada á realidade actual, e harmonizando a norma co propio dereito civil galego, e a normativa do Estado.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
O mantemento inalterado da actual normativa en materia de montes veciñais en man común non se acomodaría á realidad socioeconómica do rural, nin ao resto do marco normativo, polo que se considera axeitada a modificación que se propón.
Rango da norma:
Achegas e opinións recibidas: 59