-
Antecedentes:
O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado pola Orde do 6 de febreiro de 2014, regulou o sistema de claves concertadas Chave365 como mecanismo alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas.
A situación vivida nos últimos anos derivada da pandemia da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de simplificar os mecanismos de obtención de medios de identificación dixital para as persoas interesadas, e, en particular, a necesidade de habilitar mecanismos que non esixan a presenza física das persoas.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Cómpre adaptar o sistema de claves concertadas Chave365 para incorporar sistemas de identificación remota que faciliten a alta no sistema e simplifiquen os procedementos de xestión, especialmente para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes fóra de Galicia teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A evolución actual das tecnoloxías de vídeo identificación permite utilizar estes sistemas para a verificación da identidade das personas interesadas garantindo as condicións de seguridade necesarias. Así, o Regulamento (UE) 910/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se deroga a Directiva 1999/93/CE, contempla a posibilidade de verificación da identidade do solicitante dun certificado cualificado utilizando outros métodos de identificación recoñecidos a escala nacional que garantan unha seguridade equivalente en termos de fiabilidade á presenza física.
A normativa estatal desenvolveu esta opción na Lei 6/2020, do 11 de novembro, reguladora de determinados aspectos dos servizos electrónicos de confianza e na Orde ETD/465/2021, do 6 de maio, pola que se regulan os métodos de identificación remota por vídeo para a expedición de certificados electrónicos cualificados.
Por outra banda, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo noveno que a Xunta de Galicia determinará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes fóra de Galicia e mais as entidades galegas asentadas fóra de Galicia teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables, con especial atención ás medidas necesarias para asegurar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas abondos para o acceso a tales servizos públicos dixitais.
-
Obxectivos:
Os obxectivos da modificación do protocolo son facilitar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas para axustalos ás necesidades dos cidadáns non residentes e actualizar o procedemento para facilitar as actuacións das persoas usuarias, mantendo en todo momento as medidas de seguridade inherentes ao mesmo.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia aprobouse pola Orde do 6 de febreiro de 2014, motivo este polo que non existe alternativa á elaboración do regulamento que se pretende, sendo necesario efectuar a súa modificación a través da correspondente orde.
-
Rango da norma:
Orde