-
Antecedentes:
A Lei orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación introduciu modificacións na regulación do currículo e da ordenación das distintas etapas educativas, entre outras, da etapa de educación primaria.
En desenvolvemento das referidas modificacións introducidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o Real decreto 157/2022, de 1 de marzo, estableceu a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Establecer, para o sistema educativo galego, a ordenación e o currículo das ensinanzas da educación primaria regulando e establecendo as correspondentes relacións entre os distintos elementos curriculares conforme ás competencias correspondentes en materia educativa e ao Real decreto 157/2022, do 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Cumprir o calendario de implantación establecido na disposición derradeira terceira do Real decreto 157/2022, do 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria, que regula que o disposto no Real decreto se implantará para os cursos primeiro, terceiro e quinto no curso escolar 2022-2023, e para os cursos segundo, cuarto e sexto no curso 2023-2024.
-
Obxectivos:
Establecer a ordenación e o currículo da etapa de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
O artigo 6.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación establece que as Administracións educativas establecerán o currículo das distintas ensinanzas reguladas na Lei.
O Real decreto 157/2022, do 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria estableceu a implantación dos cursos primeiro, terceiro e quinto no curso escolar 2022-2023, e dos cursos segundo, cuarto e sexto no curso 2023-2024.
En Galicia, os currículos das distintas etapas educativas en desenvolvemento das derradeiras leis educativas sempre se publicaron en normas con rango de decreto.
Polo anterior, considérase que non hai alternativa mellor que a proposta para cumprir o mandato normativo.
-
Rango da norma:
Decreto