Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería do Medio Rural - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 08/03/2022 - 22/03/2022

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, xa regulara a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural. 

A novidade estrutural máis importante desta norma foi o deslinde da Dirección xeral de Ordenación e Produción Forestal nas seguintes: Dirección Xeral de Defensa do Monte e  Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, dada a extensión e entidade das competencias da antiga dirección xeral. 

Este decreto modificouse polo Decreto 114/2021, do 22 de xullo. Con esta modificación reestruturouse a  Dirección Xeral de Defensa do Monte, contando a partir de entón o devandito centro directivo con dúas subdireccións xerais: a Subdirección Xeral de Prevención e a Subdirección Xeral de Extinción, e un servizo directamente dependente da Dirección Xeral, o Servizo de Xestión de Fondos e Coordinación. Tamén se dotou á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal dun Servizo de Planificación e Coordinación Forestal, dada a necesidade de levar a cabo a elaboración de programas de actuación, realizar tarefas de coordinación administrativa forestal e ante a insuficiencia da estrutura organizativa.

Problemas que se pretenden solucionar:

Os problemas principais a solucionar con novo decreto de estrutura son os que seguen:

  • A dispersión no exercicio da competencia do control da calidade alimentaria, que se pretende  unificar agora nunha soa entidade.
  • A necesidade de atribuír a nova competencia asumida pola comunidade autónoma en materia da calidade alimentaria, que se pretende solucionar mediante a creación dunha unidade que asuma a competencia, e que tamén terá as funcións de observatorio da devandita cadea.
  • A necesidade de mellorar a eficacia e eficiencia na actuación das Oficinas Agrarias Comarcais.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

O novo decreto de estrutura xurde da necesidade de refundir nunha única norma as modificacións que se operaron sobre o anterior decreto de estrutura e, sobre todo, da necesidade de actualizar a regulación competencial en aspectos tan fundamentais como os que se indican a continuación:

  • A fusión nun única entidade pública, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, das competencias en materia de control da calidade alimentaria diferenciada e estándar. Esta última residía ata agora nunha dirección xeral da consellería. Isto implica a unificación do control e da protección sobre todos os produtos alimentarios e a conseguinte mellora do control da calidade alimentaria.
  • O decreto afrontará a necesidade de contar cunha unidade que asuma en Galicia as competencias que atribuíu ás comunidades autónomas a Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, na modificación que introduciu a Lei 16/2021, do 14 de decembro. Estas competencias inclúen a información e control alimentarios, que anteriormente desempeñaba a Axencia da Información e Control Alimentarios, O.A (AICA), e ademais desenvolverase unha función de observatorio e análise de prezos. Todo isto mediante a creación dunha nova unidade.
  • No decreto de estrutura preténdese regular de forma máis racional as actuacións a desenvolver nas oficinas agrarias comarcais, aproveitando todo o potencial co que contan, ao tratarse de unidades moi próximas ao cidadán do ámbito rural, cunha importante dotación de persoal, o que permite o desenvolvemento das súas actuacións en máis ámbitos materiais de interese do medio rural que os asumidos ata a actualidade. 
  • O Decreto introducirá modificacións de mellora da coordinación das actuacións a despregar polos distintos departamentos da consellería, co conseguinte incremento da eficacia y racionalización no uso dos recursos humanos de que se dispón.

Obxectivos:

  • Refundición nunha única norma da regulación estrutural da Consellería do Medio Rural.
  • Mellora do control da calidade alimentaria.
  • Asunción dunha nova competencia en materia de control da cadea alimentaria.
  • Mellora do funcionamento dos servizos que prestan as Oficinas Agrarias Comarcais (OACs).
  • Mellora da coordinación dos diversos departamentos da consellería, mediante unha reorganización máis racional das competencias asumidas.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Dada a entidade das modificacións que se propoñen na estrutura da Consellería do Medio Rural a opción máis axeitada é a aprobación dun novo decreto de estrutura que inclúa toda a regulación que precisa a citada consellería.

Rango da norma:

Decreto