Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral da Igualdade

Departamento: Consellería de Emprego e Igualdade - Secretaría Xeral da Igualdade

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 07/03/2022 - 21/03/2022

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O antecedente inmediato o constitúe o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. O decreto lexislativo refunde a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Nos 17 anos que seguiron á publicación das leis refundidas aprobáronse numerosas normas na materia, sendo as máis relevantes a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes; a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero; leis modificadoras do Estatuto dos Traballadores; Real Decreto lexislativo 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes de garantía da igualdade de trato no emprego e na ocupación; Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, sobre plans de igualdade e Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva, e a Directiva 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello relativa á conciliación da vida familiar e profesional dos proxenitores e coidadores.

Pola contra, o Decreto lexislativo 2/2015 non experimentou apenas máis modificacións que as puntuais operadas en materia de emprego público, a de certificacións de excelencia e a recente Lei 13/2021, do 20 de xullo, de avaliación de méritos no ámbito universitario e da investigación.

Problemas que se pretenden solucionar:

As Leis 7/2004 e 2/2007 foron pioneiras e grazas a elas conseguíronse importantes melloras na igualdade entre mulleres e homes, pero segue sendo necesario continuar avanzando e renovar o compromiso da Xunta na súa consecución.

A lei proxectada pretende actualizar conceptos e adecuar a normativa ás máis recentes normas de dereito internacional e interno, e á doutrina e á xurisprudencia comunitaria e constitucional.

Igualmente pretende consolidar e afondar nas medidas existentes e introducir outras novas que contribúan a acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes no actual entorno laboral, social e económico, especialmente marcado pola incidencia da dixitalización.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A nova lei faise necesaria para reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na consecución da igualdade de xénero e para crear o marco legal axeitado para a súa promoción en todos os ámbitos competenciais da comunidade autónoma.

Obxectivos:

A nova lei terá entre outros obxectivos:

  • Introducir novos conceptos procedentes da xurisprudencia constitucional e comunitaria.
  • Actualizar os contidos normativos e introducir novas medidas en todos os ámbitos competenciais da comunidade autónoma: sanitario, educativo, laboral, emprego público, vida local, medio rural, cultura, lecer...
  • Establecer actuacións en relación coa discriminación múltiple.
  • Incorporar a idea de benestar laboral da muller.
  • Regular a formación mínima en igualdade para a implantación de plans e medidas de igualdade laboral.
  • Reforzar a igualdade de xénero en materia de dixitalización, con medidas para fomentar a formación en habilidades dixitais e o seu uso no traballo, así como de protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través dos medios tecnolóxicos.
  • Regular o estatuto específico da muller rural e do mar.
  • Regular programas municipais de cidade segura.
  • Reordenar sistematicamente a regulación contida no Decreto lexislativo 2/2015 coa finalidade de concretar as obrigas da comunidade autónoma.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Toda vez que se pretende adecuar e mellorar a lexislación autonómica vixente en materia de igualdade, a aprobación dun novo texto legal resulta o único instrumento axeitado.

Rango da norma:

Lei

Achegas e opinións recibidas: 3