Decreto polo que se regulan as condicións e os requisitos para a entrega de medicamentos e produtos sanitarios en supostos especiais
Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica
Departamento: Consellería de Sanidade - Secretaría Xeral Técnica
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 23/12/2021 - 21/01/2022
Información sobre a norma :
Antecedentes:
O artigo 7 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia contemplou por primeira vez a posibilidade de que as oficinas de farmacia participasen na entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios a domicilio, dispoñendo que "excepcionalmente, ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas ou sexan dependentes, cunhas características e necesidades asistenciais específicas, nas que concorran perda de autonomía funcional e necesidade de coidados por enfermidades crónicas, poderán dispensárselles os medicamentos e produtos sanitarios, con entrega informada dos mesmos no seu domicilio e con cumprimento das garantías en materia de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios impostas pola normativa de aplicación, por unha das cinco oficinas de farmacia máis próximas ao domicilio do/da paciente dentro da zona farmacéutica ou, por expresa decisión do/da paciente, por outra oficina de farmacia da mesma área de referencia do punto de atención continuada. En todo caso, sempre deberán ser cumpridas estritamente as garantías sobre calidade e control sanitario para calquera destas entregas, para o cal se incorporarán os métodos ou sistemas de control necesarios, que haberán de contemplarse regulamentariamente".
Asemade, o devandito precepto contempla a posibilidade de que os servizos de farmacia hospitalaria correspondentes poidan realizar a entrega informada no lugar de residencia das persoas usuarias daqueles medicamentos cuxa dispensación estea restrinxida unicamente ao ámbito hospitalario de acordo coa normativa estatal vixente, entrega na que poderán colaborar as oficinas de farmacia da zona.
Problemas que se pretenden solucionar:
Coa presente iniciativa trátase de dar cumprimento ao mandato parlamentario contido no artigo 7 anteriormente citado, regulando así as condicións e os requisitos aos que deberá axustarse o procedemento para que os/as profesionais farmacéuticos/as e os servizos de farmacia hospitalaria correspondentes poidan proceder á entrega informada dos medicamentos e produtos sanitarios no domicilio do/da paciente, dado que, ata o de agora, a posibilidade prevista pola lei non puido ser implementada.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Este proxecto de decreto responde á necesidade de establecer normativamente as condicións e os requisitos aos que se teña que axustar esa entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios, facendo así efectiva a posibilidade contemplada na nosa Lei de ordenación farmacéutica, a cal redundará claramente en beneficio dos/das pacientes e persoas usuarias, que poderán facer uso desta entrega nos supostos que regulamentariamente se determinen, mellorando así substancialmente o servizo prestado desde as oficinas de farmacia.
Obxectivos:
O obxectivo do decreto que se pretende aprobar é regular as condicións e os requisitos para realizar a entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios no domicilio dos/das pacientes, sempre e cando concorra algún dos supostos especiais apuntados polo artigo 7 da Lei 3/2019, do 2 de xullo.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non hai, dado que a aprobación dun decreto regulador desta materia deriva do mandato legal contido no artigo 7 da citada Lei 3/2019, do 2 de xullo.
Rango da norma:
Achegas e opinións recibidas: 20