Decreto polo que se regula a sinalización, información, publicidade e actividades de promoción das oficinas de farmacia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Sanidade - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 23/12/2021 - 21/01/2022

Información sobre a norma :

Antecedentes:

Na actualidade, a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia delimita no seu artigo 28 os requirimentos básicos en materia de sinalización, publicidade e promoción das oficinas de farmacia. Respecto destas últimas dúas actividades en particular dispón que "a fin de non interferir no dereito de libre elección de oficina de farmacia por parte da cidadanía, prohíbese toda forma de publicidade ou actividade promocional das oficinas de farmacia, agás nos casos que se determinen regulamentariamente, así como a organización de eventos ou actividades e o emprego de ferramentas que poidan implicar unha promoción da oficina de farmacia".

A nivel regulamentario contamos co Decreto 107/2008, do 15 de maio, que regula a sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia, o cal resulta de aplicación en todo aquilo que non sexa contrario á lei, de conformidade co disposto na disposición transitoria primeira desta.

Problemas que se pretenden solucionar:

O avance das novas tecnoloxías, con Internet á cabeza, así como o emprego masivo por parte da cidadanía e dos/as profesionais, na súa vida diaria, de novas redes de comunicación (redes sociais, perfís profesionais etc.), fan necesario revisar a normativa vixente en materia de publicidade e promoción das oficinas de farmacia de modo que, respectando o espírito e os principios inspiradores da nosa Lei de ordenación farmacéutica, poida reformularse esta regulación cun novo enfoque que permita que a actividade e os servizos prestados nestes establecementos se leven a cabo coas maiores garantías cara á cidadanía.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

Este proxecto de decreto resulta necesario e oportuno: dunha banda, porque se trata de dar cumprimento ao mandato de desenvolvemento regulamentario contido na Lei 3/2019, do 2 de xullo, e, doutra banda, dado que, transcorrida máis dunha década desde a entrada en vigor do actual Decreto 107/2008, do 15 de maio, faise necesario adaptar os seus contidos tendo en conta o uso ordinario das novas tecnoloxías e redes sociais.

Obxectivos:

O obxectivo do decreto que se pretende aprobar é regular os requisitos que deberán cumprir as oficinas de farmacia en materia de sinalización e información, así como aqueles supostos nos que poderán levar a cabo actividades de promoción ou publicitarias dos seus servizos e/ou produtos.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Non hai, dado que a aprobación dun decreto regulador destas materias deriva dos mandatos legais contidos na Lei 3/2019, do 2 de xullo.

Rango da norma:

Decreto

Achegas e opinións recibidas: 19