Decreto de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Xerencia do Servizo Galego de Saúde

Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 22/10/2021 - 05/11/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A atención primaria, principal eixe vertebrador do sistema sanitario, está a sufrir nos últimos anos tensións derivadas, nomeadamente, do déficit de persoal médico e dunha viraxe sociodemográfica cara á cronicidade e á pluripatoloxía, propias do envellecemento, que fan necesaria unha evolución do modelo organizativo. As liñas estratéxicas de actuación e conseguintes obxectivos para avanzar cara a ese novo modelo están deseñadas no Plan de Atención Primaria 2019-2021 e no documento "Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”. Unha análise das devanditas liñas estratéxicas e dos seus obxectivos leva a concluír que a reforma debe ir acompañada dalgunha modificación do marco normativo.

    Nos últimos anos producíronse diversas modificacións do ordenamento xurídico, particularmente da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, dirixidas a reforzar e modernizar a atención primaria (reformas legais que introduciron modelos de xestión e fórmulas organizativas integradoras dos procesos asistenciais, estruturas directivas centrais e periféricas que impulsan o protagonismo dese nivel asistencial, ou instrumentos singulares de planificación como serían os plans locais de saúde, por exemplo). Así e todo, o actual Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, xa non é agora o marco xurídico máis apropiado para impulsar unhas melloras que doten dunha maior autonomía na xestión dos servizos para adecuarse ás diferentes necesidades sociodemográficas -potenciando para estes efectos o papel dos postos de xefatura e coordinación- ou de reforzar, nun contexto xeral de cooperación e traballo en equipo, o papel das diversas profesións sanitarias e das súas propias competencias profesionais.

    Polo tanto, tal decreto debe ser derrogado e substituído por unha nova disposición que regule os aspectos básicos da atención primaria, como poden ser a ordenación territorial e a organización e clasificación de centros de traballo; os instrumentos de planificación; as actuacións, servizos e funcións da atención primaria e a participación nos mesmos dos centros e do seu persoal; a dirección e a coordinación dos diversos centros, da súa actividade e do seu persoal; o réxime xurídico dese persoal; ou a coordinación dos centros de atención primaria cos dispositivos de atención hospitalaria e sociosanitaria. O novo decreto que se aprobe conducirá necesariamente a valorar unha posible afectación do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aprobou o Plan de urxencias extrahospitalarias.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Como consta nos antecedentes, a ordenación da atención primaria contida no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, que deu no seu momento excelentes resultados para a mellora da atención primaria, resulta agora pouco axustada para impulsar debidamente as actuais liñas estratéxicas nese ámbito.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Para modificar ou modular a regulación contida no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, polas razóns xa expostas, resulta oportuno e necesario un novo decreto que derrogue o anterior.

  • Obxectivos:

    O obxectivo perseguido é regular, dunha forma que se axuste ás necesidades actuais, os elementos básicos da atención primaria, como poden ser, entre outros:

    • A ordenación territorial e a organización e clasificación dos centros de traballo.
    • Os instrumentos de planificación.
    • As actuacións, servizos e funcións da atención primaria e a participación nos mesmos dos diversos centros e do seu persoal.
    • A dirección e a coordinación dos diversos centros de atención primaria, da súa actividade e do seu persoal.
    • O réxime xurídico dese persoal.
    • A coordinación dos centros de atención primaria cos dispositivos de atención hospitalaria e sociosanitaria.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Sen prexuízo de medidas organizativas e de procesos de traballo que xa se están a impulsar, e que se poderán implantar no futuro para a mellora da atención primaria, mudar a regulación contida no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, require necesariamente dunha norma co mesmo rango legal.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 172