Decreto polo que se crea o Consello Autonómico de Participación da Infancia e Adolescencia na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o seu réxime de funcionamento

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral Técnica

Departamento: Consellería de Política Social - Secretaría Xeral Técnica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 20/10/2021 - 03/11/2021

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A participación dos nenos e nenas vén recoñecida na Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e ratificada polas Cortes Xerais do Estado o día 30 de novembro de 1990 (Boletín Oficial del Estado nº 313, do 31 de decembro de 1990), participación que, de xeito específico, corresponde ao recoñecemento do seu protagonismo social e os seus dereitos de cidadanía, entre os que se atopa o seu dereito á participación social e o dereito a recibir unha adecuada información e ser escoitados/as nos asuntos que lles afecten.

    No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, no seu artigo 42 recoñece, entre outros, os dereitos dos nenos e nenas a participar plenamente, en función do seu desenvolvemento e capacidade, na vida social, cultural, artística e recreativa da súa contorna, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa, a expresarse libremente, e a expresarse na súa lingua propia, de orixe ou de libre elección, e a non ser discriminado/a en razón á mesma e á promoción da autonomía persoal potenciando as súas capacidades. En tal sentido e froito do compromiso político, aprobouse a Estratexia Galega da Infancia e a Adolescencia 2018-2020 que incorporou, entre as súas medidas, o impulso e o desenvolvemento efectivo da devandita participación infantil, sendo unha das accións máis relevantes da mesma a creación dun consello autonómico de infancia como órgano de representación infantil.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Con frecuencia, a participación infantil artéllase a través da intermediación de persoas adultas (pais, mais, titores/as legais…). Como cidadáns/ás de pleno dereito, os poderes públicos deben garantir a súa participación real, activa e directa naqueles aspectos que lles afecten directamente.

    As persoas menores de 18 anos representan unha quinta parte da poboación total en Galicia, polo que cómpre impulsar os mecanismos que permitan o exercicio do seu dereito á participación social de xeito directo en asuntos do seu interese.

    Na actualidade existen moitas iniciativas dirixidas a garantir eses dereitos de participación da infancia e adolescencia. Na comunidade autónoma e no ámbito local, no marco do Programa de Cidades Amigas da Infancia creado por Unicef no ano 2001, co propósito de promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno en España, constituíronse distintos Consellos Locais de Infancia e Adolescencia como espazos específicos para a participación infantil activa no marco do goberno local. Polo exposto e tendo en conta os antecedentes, é necesario avanzar no impulso das políticas públicas que integren a perspectiva da infancia e que faciliten canles formais de participación democrática naqueles asuntos que lles afecten directamente, polo que dende a Administración autonómica abórdase a creación dun órgano de participación e representación da infancia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Como xa se indicou, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, no seu artigo 42 recoñece os dereitos dos nenos e das nenas para participar plenamente na vida social, cultural, artística e recreativa da súa contorna, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa, a expresarse libremente, na súa lingua propia, de orixe ou de libre elección, e á promoción da autonomía persoal potenciando as súas capacidades. Coa aprobación da Estratexia Galega da Infancia e a Adolescencia 2018-2020, entre as medidas establecidas para o impulso e o desenvolvemento efectivo da participación infantil, recóllese a creación dun consello autonómico de infancia como órgano de representación infantil.

    Así, para facer realidade o dereito á participación social dos nenos e nenas e adolescentes, no recoñecemento da súa condición de cidadanía activa, coa manifestación das súas opinións, necesidades e inquietudes sobre aqueles asuntos que lles afecten e poder participar na toma de decisións e o deseño das políticas públicas, faise necesario aprobar a norma pola que se cree e regule o devandito consello autonómico de participación da infancia e da adolescencia.

  • Obxectivos:

    A norma ten por obxecto a creación dun órgano que promova a participación democrática dos nenos, nenas e adolescentes na Comunidade Autónoma de Galicia naqueles asuntos que lles afecten, establecendo o seu réxime de funcionamento. Adscribirase á consellería competente en materia de infancia, incorporando mecanismos de coordinación con outros departamentos da Administración autonómica e con outras Administracións públicas con competencias na materia.

    A norma regulará a súa estrutura e composición, en concreto, a súa presidencia e a vicepresidencia, os/as vogais e a secretaría, o réxime de selección e nomeamento, así como o réxime de suplencias, establecendo a súa vinculación cos consellos locais existentes en Galicia.

    Así mesmo, recollerá as funcións, garantindo a súa participación para facer propostas ao Goberno autonómico naqueles asuntos que afecten á infancia. Establecerase o seu funcionamento en pleno ou en comisións, o seu réxime de convocatorias, a adopción de acordos, así como a presenza de quen asuma a súa asistencia e o apoio técnico e, no seu caso, de facilitadores/as ou dinamizadores/as dos debates.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A necesidade prevista de artellar instrumentos de participación e, en concreto, a través da creación dun consello autonómico de participación infantil que require a aprobación da norma que estableza a súa función, organización, composición e o seu réxime de funcionamento, non existindo solucións alternativas de carácter non regulador.

     

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2