-
Antecedentes:
O marco normativo aplicable actualmente en Galicia en materia de acceso de grupos organizados ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) vén determinado polo Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, aprobado polo Decreto 177/2018, do 27 de decembro, pola Lei 15/2002, de 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pola Lei 30/2014, do 3 de decembro, de Parques Nacionais e pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
O Decreto 177/2018, do 27 de decembro, habilita na súa disposición derradeira primeira á persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para aprobar mediante orde, no ámbito das súas competencias, as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto e que as devanditas ordes respectarán o establecido no título III da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.
Cómpre, polo tanto, dar cumprimento ao mandato legal e completar a regulación do acceso de visitas de grupos organizados de carácter educativo ao PNMTIAG mediante o desenvolvemento do devandito decreto a través dunha disposición administrativa con rango de orde.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Despois de comprobar o bo funcionamento deste Decreto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera que é o momento de regular a través dunha disposición administrativa de carácter xeral o sistema ou procedemento de acceso de grupos organizados de visitantes ao PNMTIAG referidos no PRUX, de xeito que se posibilite a desexable compatibilidade entre a protección do Parque Nacional e o acceso ao mesmo dos/as visitantes, que dado o carácter insular deste espazo se realiza a través de empresas navieiras, o que motivará igualmente respectar nesta regulación a liberalización do sector do transporte marítimo imposta pola normativa comunitaria.
Do mesmo xeito e de conformidade coa Lei 30/2014, do 3 de decembro, de Parques Nacionais, a regulación deste procedemento de autorización debe adecuarse aos principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia, principios aos que debe dar resposta a regulación nesta materia.
Tales circunstancias aconsellan unha regulación que de forma clara, eficaz e transparente facilite tanto á Administración como ás persoas interesadas instrumentos áxiles para acadar unha regulación óptima do procedemento de acceso destes grupos ao Parque Nacional.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Dado o estado de maduración do Decreto 177/2018, do 27 de decembro, polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, ponse de manifesto a necesidade de contar cunha regulación do procedemento de acceso de grupos organizados de visitantes ao PNMTIAG.
-
Obxectivos:
O obxectivo principal da disposición regulamentaria é clarificar, simplificar, unificar e completar o réxime que debe resultar de aplicación ao acceso de grupos organizados de visitantes ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Polos motivos anteriormente expostos considérase procedente abordar unha norma coa fin de garantir a seguridade xurídica nesta materia.
-
Rango da norma:
Orde