-
Antecedentes:
Con data do 19 de novembro de 2008, o Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea adoptaron a Directiva 2008/96/CE sobre xestión da seguridade das infraestruturas viarias, que requiría o establecemento e a aplicación dos procedementos de actuación de xestión da seguridade viaria na Rede Transeuropea de Estradas, que se consideraron como mellor práctica en Europa nas infraestruturas viarias.
Porén, as estradas pertencentes a esta Rede que discorren polo territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son de competencia da Administración Xeral do Estado, polo que non lle era de aplicación a ningunha estrada de competencia autonómica.
Posteriormente, con data do 23 de outubro de 2019, o Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea adoptaron a Directiva (UE) 2019/1936 pola que se modifica a Directiva 2008/96/CE sobre xestión da seguridade das infraestruturas viarias, modificando diversos aspectos do seu contido. Como consecuencia desa modificación, amplíase o ámbito de aplicación da Directiva, que pasa a afectar a unha parte das estradas que son competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Durante os últimos anos producíronse grandes avances no deseño de vehículos (medidas de seguridade e aplicación de novas tecnoloxías) que contribuíron a reducir o número de vítimas de accidentes na estrada. Pero tamén se ten que actuar noutros ámbitos e a xestión da seguridade das infraestruturas viarias é un deles.
Deste xeito, a Comisión Europea identificou as infraestruturas viarias como un piar da política de seguridade viaria, que debía contribuír de forma significativa ao logro do obxectivo de redución dos accidentes.
O establecemento de procedementos axeitados no ámbito de aplicación do decreto suporá unha ferramenta esencial para mellorar a seguridade das infraestruturas viarias reducindo o número de vítimas mortales e feridos/as graves.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A Directiva establece a transposición das súas disposicións ao dereito interno dos Estados membros.
Corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do apartado 8 do artigo 27 do Estatuto de Autonomía para Galicia, a competencia exclusiva en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da comunidade autónoma. Por outra parte, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, na súa disposición derradeira segunda, habilita a Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento regulamentario.
O carácter exclusivo da competencia autonómica sobre as estradas non incorporadas á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia fai necesaria a aprobación da norma, á marxe da transposición que se adopte a nivel estatal.
-
Obxectivos:
Por transposición da Directiva sobre xestión da seguridade nas infraestruturas viarias na súa redacción modificada, incorporaranse á normativa autonómica galega os seguintes instrumentos de xestión da seguridade viaria, denominados avaliación de impacto da seguridade viaria, auditorías de seguridade viaria, avaliación da seguridade das estradas do conxunto da rede e inspeccións de seguridade viaria.
O ámbito de aplicación corresponderá ás estradas de titularidade da comunidade autónoma o das entidades locais de Galicia, independentemente de que se atopen en fase de planificación, de proxecto, de construción ou de explotación, que se integren na Rede Transeuropea de Estradas; as clasificadas como autoestradas e autovías, segundo a lexislación en materia de estradas de Galicia; e, finalmente, o resto de estradas situadas fóra das zonas urbanas, ás que non teñan acceso as propiedades lindeiras e que, a partir da entrada en vigor do decreto, se leven a cabo utilizando financiamento da Unión Europea, coa excepción das estradas que non están abertas á circulación xeral de vehículos de motor, como as vías de circulación para bicicletas, ou as estradas que non están concibidas para a circulación xeral, como as estradas de acceso a zonas industriais, agrícolas ou forestais.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A transposición da Directiva 2008/96/CE sobre xestión da seguridade das infraestruturas viarias, tras a súa modificación por parte da Directiva (UE) 2019/1936, que pasou a incorporar determinadas estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia como parte do seu ámbito de aplicación, é unha necesidade que vén derivada da propia normativa comunitaria. En concreto, do establecido no artigo 288 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ao respecto do carácter obrigatorio das directivas comunitarias e das obrigas de transposición establecidas no artigo 14 da Directiva 2008/96/CE e no artigo 2 da Directiva (UE) 2019/1936.
Nese sentido, non existe unha alternativa reguladora ou non reguladora á elaboración deste decreto que traspoña as anteditas directivas comunitarias.
-
Rango da norma:
Decreto