-
Antecedentes:
Ao abeiro do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, os precedentes normativos reguladores das medidas básicas para a inserción social na Comunidade Autónoma dende o ano 1991, e no marco do diálogo social, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia (DOG número 249, do 31 de decembro de 2013), que regula unha nova renda de inclusión social de Galicia (RISGA) e tamén unhas novas axudas de inclusión social (AIS). En virtude do mandato legal da elaboración das disposicións que fosen precisas para o seu desenvolvemento e aplicación, o Consello da Xunta aprobou o Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social (DOG nº 43, do 1 de marzo de 2019).
Con data do 1 de xuño de 2020, publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real Decreto-Lei 20/2020, de 29 de maio, polo que se establece o ingreso mínimo vital, que se configura como unha prestación económica na súa modalidade non contributiva, destinada, ao igual que a (RISGA), a aquelas persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade por carecer de recursos económicos suficientes para a cobertura das súas necesidades básicas. O ingreso mínimo vital (IMV) constitúese, polo tanto, como unha nova prestación económica non contributiva integrada dentro do sistema da Seguridade Social con carácter estrutural e complementario coas rendas e prestacións establecidas nas Comunidades Autónomas.
A posta en marcha desta prestación leva consigo necesariamente a reordenación das axudas estatais e autonómicas existentes co fin de evitar duplicidades e facilitar a súa complementación no marco da garantía de ingresos.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A aprobación do citado IMV e a existencia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia dunha prestación económica que garante un nivel mínimo de renda a quen se atope en situación de exclusión social e vulnerabilidade económica (como é a RISGA), obriga a clarificar e achegar seguridade xurídica á coexistencia de prestacións cuxos obxectos de concesión son, en moitos casos, concorrentes.
Ao mesmo tempo, cómpre establecer apoios nos procesos de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias do IMV, así como introducir modificacións que teñen como finalidade acadar a simplificación e a axilización da xestión da RISGA e das AIS.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A aprobación dunha Lei de modificación da lexislación autonómica vixente en materia de inclusión social, ten como finalidade cumprir o mencionado obxectivo de reforma e adecuación ao novo contexto orixinado pola aprobación do IMV das prestación e axudas reguladas na Lei 10/2013, do 27 de novembro, e no Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de modo que se eviten duplicidades e se garanta un sistema complementario ás persoas que son beneficiarias do IMV, a fin de avanzar de xeito máis eficaz na superación da pobreza, a exclusión social e a desigualdade.
-
Obxectivos:
Esta Lei ten por obxecto a modificación da Lei 10/2013, do 27 de novembro, e do Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, para adaptalos ao novo contexto xurdido coa implementación do IMV.
Ao mesmo tempo, dada a experiencia acumulada na aplicación das ditas disposicións normativas, tamén se establece como obxectivo a realización de modificacións que impliquen melloras na xestión da RISGA e das AIS.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
De acordo co exposto, dado que o que se precisa é adaptar os textos normativos vixentes en materia de inclusión social, cómpre abordar a modificación da normativa vixente coa elaboración dunha Lei de modificación da Lei 10/2013, do 27 de novembro,e do seu decreto de desenvolvemento (Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro).
-
Rango da norma:
Lei