-
Antecedentes:
A Consellería do Medio Rural, a través do Decreto 61/2007, do 22 de marzo, creou o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia como órgano colexiado de asesoramento e consulta cos representantes do sector.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
O tempo transcorrido dende que se creou e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellan adaptar o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia á realidade actual.
Con este fin, este decreto cambia a composición do Observatorio para acoller dentro dos seus membros todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefine as funcións da presidencia, secretaría e vogalías que o conforman.
Por outra banda, co obxectivo de dotar de maior flexibilidade ao Observatorio, tamén se reduce o número de xuntanzas ordinarias obrigatorias a unha ao ano. Porén, poderán facerse todas as xuntanzas extraordinarias que sexan precisas para avaliar os problemas que poidan xurdir no sector, se as circunstancias sectoriais o aconsellan.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
O sector lácteo é o alicerce máis importante do agro galego. En consonancia coa súa relevancia económica e social, conta cunha planificación propia, a través da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-25. Esta estratexia, na que participaron todos os elos da cadea de valor (produción, transformación, distribución e consumo), identifica necesidades e medidas relevantes para a sostibilidade do sector lácteo. Entre estas medidas está a reactivación do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.
-
Obxectivos:
O obxectivo deste decreto é regular o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia como un órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A reactivación do Observatorio podería facerse mediante unha modificación do decreto anterior, pero as modificacións son tan substanciais que se considera necesario abordar unha regulación máis completa do devandito órgano colexiado, tendo en conta que a norma vixente non está actualizada.
-
Rango da norma:
Decreto