Decreto polo que se regulan as condicións, requisitos e recursos materiais e humanos das unidades de farmacia e os depósitos de medicamentos nas estruturas de atención primaria

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (SX Farmacia)

Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 06/08/2021 - 20/08/2021

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, establece nos seus artigos 3.6 e 83 que as estruturas de xestión de atención primaria deberán dispoñer de servizos ou unidades de farmacia de atención primaria para contribuír ao uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios.

As unidades de farmacia dos centros de atención primaria prestarán a atención farmacéutica necesaria para que o equipo multidisciplinario de atención á saúde dispoña dos medios terapéuticos necesarios para a súa aplicación dentro das ditas institucións e para a custodia, conservación e dispensación dos medicamentos que exixan unha particular vixilancia, supervisión e control do equipo multidisciplinario de atención á saúde.

Na nosa Comunidade Autónoma, a atención farmacéutica vén regulada pola Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, entendida como un servizo de interese público que debe prestarse en todos os niveis do noso sistema sanitario e así, no seu artigo 53 atribúe ás unidades de farmacia do centros de atención primaria a prestación da atención farmacéutica necesaria para que o equipo multidisciplinario de atención á saúde dispoña dos medios terapéuticos necesarios para a súa aplicación dentro das ditas institucións e para a custodia, conservación e dispensación dos medicamentos que esixan unha particular vixilancia, supervisión e control do equipo multidisciplinario de atención á saúde.

O artigo 54.2 da dita lei prevé necesidade de constituír depósitos de medicamentos nos centros de atención primaria para o seu uso interno e que estará baixo a responsabilidade dun servizo de farmacia hospitalario ou dunha unidade de farmacia dun centro de atención primaria, debendo quedar aqueles baixo a supervisión dun/dunha farmacéutico/a, que contará coa asistencia do persoal técnico, se é o caso, e demais persoal que precise, segundo o volume de actividade asistencial.

 

Problemas que se pretenden solucionar:

É competencia da comunidade autónoma a ordenación da atención primaria da saúde no seu territorio, o que se levou a cabo coa publicación do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na  comunidade autónoma de Galicia. Así, organízase funcionalmente en unidades e servizos, contando cada servizo de atención primaria co apoio duns recursos sanitarios entre os que se atopa a Farmacia de atención primaria.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A través do presente proxecto de decreto procédese ao desenvolvemento regulamentario  previsto no artigo 54 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, establecendo os requisitos para a creación e funcionamento das unidades de farmacia de atención primaria, así como os recursos recursos humanos, materiais e técnicos cos que terán que contar 

Ademais, cúmprese a obriga establecida pola Lei 39/2015, de garantir unha comunicación entre interesados e Administración Pública a través de medios electrónicos que precisan do establecemento dun procedemento que permita xestionar con rigor o trámite cos principios de legalidade, transparencia, eficiencia e celeridade.

Obxectivos:

Os obxectivos perseguidos son: 

  1. Regular as condicións, requisitos e recursos materiais e humanos das unidades de farmacia de atención primaria e depósitos de medicamentos.
  2. Regular o soporte legal necesario para que as unidades de farmacia de atención primaria e os depósitos de medicamentos realicen as funcións definidas no artigo  83 da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios e no artigo 55 da Lei de ordenación farmacéutica de Galicia.
  3. Harmonizar os artigos 54 e 55 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia co regulado no Decreto 176/2001, do 12 de xullo, polo que se regula a creación, apertura e funcionamento dos servizos de farmacia e depósitos de medicamentos nas estruturas de atención primaria.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Considérase que o decreto proxectado é o instrumento idóneo para dar resposta á necesidade identificada.

Rango da norma:

Decreto

Achegas e opinións recibidas: 6