Lei de calidade alimentaria

Órgano ou entidade impulsora: Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Departamento: Consellería do Medio Rural - Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 10/05/2021 - 25/05/2021

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A vixente Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega pretendeu facer unha regulación exhaustiva e global da calidade da produción alimentaria de Galicia, abordando o asunto desde dúas vertentes:

  • Garantir a calidade dos produtos alimentarios e a súa adecuación á normativa que lles é de aplicación (é dicir, actuar no ámbito da denominada "calidade comercial", tamén denominada "calidade regulamentada" ou "calidade estándar").
  • Fomentar e poñer en valor as producións alimentarias de calidade da comunidade autónoma (actuar, polo tanto, no ámbito da “calidade voluntaria” ou "calidade diferenciada").

No que se refire ao primeiro obxectivo, a lei recolle os dereitos e as obrigas de carácter xeral para todos os operadores alimentarios, co fin de crear un marco de competencia leal entre eles. 

Pretendeu tamén reforzar a inspección e o control oficial como elementos dese sistema de aseguramento da calidade que garanten a aplicación correcta da normativa alimentaria, establecendo o marco no que os órganos encargados desta función poden actuar.

Ademais, a lei estableceu un novo réxime de infraccións e sancións, que superaba o vixente ata ese momento, constituído polo Real decreto 1945/1983, no que se incluíron as infraccións e sancións relacionadas co incumprimento das novas obrigas derivadas da exixencia da trazabilidade.

En relación co segundo obxectivo, a lei recolleu unha serie de actuacións conducentes á potenciación das distintas denominacións xeográficas de calidade, modificando o réxime xurídico e de funcionamento dos seus órganos de xestión e control, os consellos reguladores, dotándoos de personalidade xurídica propia e adecuando a súa actuación ás esixencias normativas do momento. Ademais, regulouse a artesanía alimentaria e creouse o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos agroalimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Así mesmo, o instituto configurouse como un instrumento para a catalización da actividade de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.

Problemas que se pretenden solucionar:

Pasados dezaseis anos dende a aprobación e a publicación da Lei 2/2005, faise necesaria a súa modificación ou derrogación e substitución por un novo texto legal. Esta necesidade vén derivada da evolución sufrida polo sector alimentario e da experiencia acumulada nestes anos de aplicación, así como dos cambios que se teñen producido no marco legal comunitario e español no relativo á regulación da calidade alimentaria. En relación con isto último debemos indicar que o devandito marco normativo, tanto no nivel obrigatorio (calidade comercial) como no voluntario (calidade diferenciada), ten sufrido un profundo cambio nos anos que van dende a aprobación da lei ata hoxe.

Así, no ámbito da calidade regulamentada, en 2017 aprobouse un novo regulamento sobre o control oficial de alimentos -Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017- e anos antes aprobouse a normativa comunitaria sobre etiquetado dos alimentos -Regulamento (UE) nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011-. A isto hai que engadir que na escala estatal aprobouse a Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria.

Por outra parte, no campo da calidade diferenciada, toda a normativa europea vixente actualmente está aprobada en datas posteriores á da Lei 2/2005. Así, en materia de denominacións de orixe (DOP) e de indicacións xeográficas (IXP) son de aplicación os regulamentos R (UE) 1151/2012 (no ámbito dos produtos do sector alimentario), R (UE) 1308/2013 (viños), R (UE) 2019/787 (bebidas espirituosas) e R (UE) 251/2014 (produtos vitivinícolas aromatizados), e os regulamentos que posteriormente desenvolveron estes. E en materia de produción ecolóxica tamén existe unha nova regulación, cuxos aspectos fundamentais recóllense no R (UE) 2018/848. Ademais, dentro deste mesmo campo da calidade diferenciada, a nivel estatal aprobouse unha lei, a Lei 6/2015, do 12 de maio, que aínda que regula principalmente as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de ámbito territorial supraautonómico, tamén ten algúns preceptos de aplicación básica.

A aprobación tardía desta lexislación estatal fronte á regulación que se fixera antes dende varias comunidades autónomas -como a galega- e a formulación dalgúns conflitos de competencias resoltos no Tribunal Constitucional, fan tamén necesaria a modificación da normativa galega para racionalizala e facilitar a súa aplicación.

Por outra parte, dende a aprobación da Lei 2/2005 produciuse un importante avance na profesionalización do funcionamento dos consellos reguladores, sobre todo no relativo á súa actividade de control e certificación, función que se lles delegou a aqueles que teñen unha maior dimensión económica e que contan cunha mínima estrutura organizativa. Pois ben, a norma internacional esixible aos organismos que certifican produto tamén mudou dende a aprobación da Lei 2/2005, de xeito que hoxe os consellos reguladores que teñen delegada a tarefa de certificación dos produtos amparados teñen que adecuar o seu funcionamento á norma UNE-EN ISO/IEC 17065:2012 para poder ter a acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). A experiencia acumulada nestes anos de actividade de certificación acreditada pon de relevo a necesidade de determinados cambios na normativa autonómica para adaptala a estas novas exixencias.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A produción agroalimentaria en Galicia mantén o prestixio que historicamente fai que sexa recoñecida no resto do Estado español pola súa calidade, asociándose a producións sostibles moi vencelladas ao territorio e con capacidade para fixar poboación no rural grazas ao mantemento e á creación de postos de traballo. A loita contra as prácticas desleais na produción e comercialización de alimentos debe ser un obxectivo prioritario. Este labor de control, sustentado no Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a aplicación da lexislación en materia de alimentos e pensos, constitúe un elemento indispensable para garantir a lealdade das transaccións comerciais, a seguridade xurídica das diferentes persoas operadoras e para non defraudar as expectativas das persoas consumidoras. Así mesmo, o citado regulamento, no seu artigo 139, prevé que os Estados membros establecerán normas sobre as sancións aplicables ás infraccións da lexislación en materia de alimentos e tomarán todas as medidas necesarias para garantir a súa aplicación, indicando que as sancións establecidas deberán ser eficaces, proporcionadas e disuasorias.

Por outra parte, esta nova lexislación debe impulsar a calidade diferenciada na Comunidade Autónoma de Galicia, mellorando, integrando e desenvolvendo a súa regulación e reforzando a posta en valor dos produtos de calidade a través do apoio ás denominacións de orixe protexidas, ás indicacións xeográficas protexidas e a outras figuras de protección, para que os produtos galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía. Esta lexislación debe tratar tamén de favorecer o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva e achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización. En relación co impulso ás producións de calidade diferenciada ao que nos estamos a referir, esta nova lexislación deberá servir para adecuar a regulación dos consellos reguladores, entidades clave na xestión das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Obxectivos:

Os obxectivos fundamentais desta nova regulación serían:

  • Establecer o marco normativo que permita asegurar na Comunidade Autónoma de Galicia a calidade dos produtos alimentarios obtidos ou comercializados no seu territorio e a súa conformidade coa normativa de aplicación, en defensa da lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores agrarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como das persoas consumidoras finais.
  • Fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Regular os consellos reguladores como entidades de xestión de produtos alimentarios de calidade diferenciada.
  • Determinar, en materia de calidade estándar e diferenciada dos produtos alimentarios, as obrigas dos operadores en Galicia, así como regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica e establecer o réxime sancionador.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A alternativa a unha nova lei de calidade alimentaria pasaría por unha profunda modificación da actual Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria para tratar de adecuala ao marco normativo europeo e español vixente. Non obstante, dada a intensidade das modificacións necesarias, parece máis adecuado elaborar un novo texto íntegro, o que permitirá ademais darlle un enfoque máis acorde co contexto socioeconómico actual.

Rango da norma:

Lei

Achegas e opinións recibidas: 2