Lei sobre prevención das adiccións en menores en Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Saúde Pública
Departamento: Consellería de Sanidade - Dirección Xeral de Saúde Pública
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 23/04/2021 - 07/05/2021
Información sobre a norma :
Antecedentes:
No ano 1996 aprobouse a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que proporcionou o marco normativo no que se apoian as medidas necesarias para reducir a problemática das drogodependencias, tanto no que respecta á prevención como á asistencia e á participación da sociedade na abordaxe deste tema.
No caso do tabaco cóntase cunha lei estatal que dende 2005 (e con varias modificacións posteriores) regula a venda e subministración, o consumo e a publicidade destes produtos, e, no relativo ao alcohol, Galicia foi pioneira ao aprobar no ano 2010 a Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Esta lei permitiu, entre outros fitos, elevar a idade mínima de consumo de alcohol aos 18 anos e restrinxir o acceso das persoas menores de idade a certos lugares onde se permitía a venda de alcohol.
Os antecedentes normativos relativos ao cánnabis están dispersos en normas xenéricas como o Código Penal (art. 368, incluído no capítulo de delitos contra a saúde pública) e a Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá. No caso do xogo, contamos cunha lei de 1985 que regula principalmente a actividade económica, estando en tramitación unha nova lei sobre este ámbito.
Problemas que se pretenden solucionar:
- Elevado consumo de substancias, legais e ilegais, por parte da mocidade galega.
- Incipiente desenvolvemento de problemática relativa a xogos, con ou sen cartos, na mocidade galega.
- Idade temperá na que a mocidade se inicia no consumo.
- Dispersión das normas relativas a venda, subministración, consumo, publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, coa conseguinte dificultade para o seu coñecemento por parte da cidadanía e das institucións.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
En 2019 fixéronse públicos os resultados da última enquisa ESTUDES, que analiza cada 2 anos as tendencias de consumo dos mozos e mozas que cursan ensinos secundarios en España (de 14 a 18 anos). Segundo esta enquisa, as 3 substancias psicoactivas máis consumidas pola mocidade galega son o alcohol, o tabaco e o cánnabis: o 72,5%, 35,9% e 25,7%, respectivamente, refiren que as consumiron algunha vez na vida. Se analizamos os consumos nos últimos 30 días obtemos os seguintes resultados, respectivamente: 50,9%, 22,9% e 15,9%. Tamén preocupa o consumo de hipnosedantes entre a mocidade cun 16,1% algunha vez na vida e un 6,3% nos últimos 30 días.
Por outra parte, no 13,0% do alumnado de Galicia de entre 14 e 18 anos detéctase un posible uso compulsivo de Internet, sendo os/as de 18 anos os/as que rexistran a maior prevalencia (16,6%).
Á vista destes datos, a Consellería de Sanidade considera que é necesario e oportuno elaborar unha nova lei que englobe as diversas actuacións e normativas autonómicas en materia de prevención das condutas adictivas.
Esta intención foi avanzada polo conselleiro de Sanidade nunha comparecencia parlamentaria e, con posterioridade, un acordo parlamentario do 11 de febreiro de 2021 trasladou á Xunta certas precisións que o Parlamento de Galicia, por unanimidade, suxería para o contido da lei:
«O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a remitir a esta Cámara, ao longo do ano 2021, un proxecto de lei de prevencións das adiccións en menores que, centrando a súa atención nos menores de idade, asuma unha visión que non faga una división estanca entre este sector poboacional e o resto e evite a criminalización e estigmatización sobre os problemas existentes, integrando todos os axentes sociais na resolución dos problemas e que, como mínimo:
- Integre e renove a normativa de prevención do consumo de alcohol do ano 2010, reforzando as limitacións no eido da publicidade.
- Incorpore restricións á publicidade e ao acceso aos menores a tabaco e cigarros electrónicos equiparables ás previstas para as bebidas alcohólicas e introduza medidas de sensibilización e prevención relativas aos prexuízos sanitarios do consumo de cigarros electrónicos.
- Estableza medidas de prevención específicas para menores respecto a outras substancias adictivas, que complementen ás establecidas de xeito xeral na Lei de Galicia sobre drogas.
- Instaure por primeira vez na lexislación galega medidas de prevención doutras adiccións sen substancia relacionadas co uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos".
Obxectivos:
- Actualizar os criterios e os principios que dan soporte ás medidas de prevención das condutas adictivas que desenvolven tanto as Administracións públicas como o resto de entidades, organizacións e institucións que realizan o seu labor neste ámbito.
- Introducir limitacións á venda e á subministración, ao consumo e á publicidade, á promoción e ao patrocinio das principais substancias psicoactivas, como medidas que darán soporte aos cambios que se lle piden á sociedade e que implican superar actitudes de permisividade e normalización do seu consumo, así como medidas específicas respecto a outras substancias psicoactivas.
- Instaurar, por primeira vez na lexislación galega, medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Para evitar os trastornos adictivos (con ou sen substancia), desde os anos 90 lévanse deseñando e implantando diversos programas de prevención (universal, selectiva ou indicada) en distintos ámbitos (escolar, familiar, xuvenil, laboral ou comunitario). Estes programas están baseados na evidencia científica dispoñible.
Por outra parte, hai unha década xurdiu un novo xeito de concibir a prevención: a prevención ambiental. Este novo paradigma promove estratexias que pretenden alterar as normas e os ambientes físicos, sociais e económicos sen basearse unicamente na persuasión. Céntrase en influír en toda a comunidade máis que en intentar inducir ás persoas a que cambien a súa conduta. De aí que as estratexias ambientais poden ser macro (restrinxindo a dispoñibilidade de certas substancias mediante disposicións legais) ou micro (promovendo normas e estilos educativos no ambiente familiar).
As dúas abordaxes son complementarias e necesarias. Por iso, formúlase neste momento o avance cara a unha mellora na normativa referida ás adiccións e a consecuente protección da cidadanía.
Rango da norma:
Achegas e opinións recibidas: 16