-
Antecedentes:
Nos últimos anos vense facendo un importante esforzo por conseguir unha simplificación das tramitacións que inciden no desenvolvemento de solo empresarial a través de distintas normas entre as que cabe citar a Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia; a Lei 5/2017, de 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia; a Lei 1/2021, de 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia; a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; o Decreto lexislativo 1/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; o Decreto 63/2015, do 23 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do solo empresarial xestionado polo IGVS, e o Decreto 175/2020, de 15 de outubro, polo que se regula o Censo de Solo Empresarial de Galicia e o seu réxime sancionador.
A anterior normativa, xunto co Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado o 5 de maio de 2014, constitúen o marco de referencia do solo empresarial de Galicia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Coa primeira lei galega de áreas empresariais preténdese incentivar a creación de solo empresarial suficiente para facilitar a rápida implantación do tecido empresarial galego e a atracción de investimentos do exterior. Un dos principais problemas que debe solucionarse é a dispersión normativa para confluír nunha única regulación que dea seguridade xurídica e un marco único que defina e diferencie unha política estratéxica clave no futuro de Galicia como é a xestión do solo empresarial, de xeito que se garanta que quen quere implantarse ou consolidarse en Galicia ten ao seu alcance os mecanismos para facelo.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
O solo empresarial é un dos piares fundamentais das políticas de solo da Xunta de Galicia, como o vén poñendo de manifesto a través de diferentes actuacións normativas, de axilización administrativa, económicas, tanto de carácter fiscal como de bonificacións de prezos, así como de divulgación do solo dispoñible, nomeadamente a través da posta en marcha do Observatorio do Solo Empresarial de Galicia e da creación do Censo de Solo Empresarial de Galicia.
-
Obxectivos:
Este texto lexislativo terá por obxecto a regulación das áreas empresariais promovidas pola Xunta de Galicia, dende a súa programación ata a súa posta en funcionamento e xestión posterior, e deseñar mecanismos de incentivos que permitan reforzar o crecemento do tecido empresarial galego e a atracción de novos investimentos.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Considérase axeitado empregar unha norma con rango legal.
-
Rango da norma:
Lei