Decreto polo que se regula a actividade deportiva en Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte

Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 14/01/2021 - 29/01/2021

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia ten por obxecto “promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia”.

A Lei regula no “Capítulo II. Actividade deportiva” do “Título III. Actividade deportiva e actividade física” as modalidades e especialidades deportivas, e concretamente no artigo 17 fai unha definición de ambos conceptos e remite ao seu desenvolvemento regulamentario o procedemento e lexitimación para instar o recoñecemento.

Nese mesmo capítulo II regúlase na sección 1ª o réxime das competicións e do aseguramento e na sección 3ª, as licenzas deportivas.

Problemas que se pretenden solucionar:

Nunha sociedade cada vez máis consciente de que a práctica do deporte, en distintos niveis de intensidade, participación e habitualidade, é unha actividade que comporta beneficios para a saúde das persoas, vense observando que cada día van xurdindo novas expresións de actividade deportiva que, polo seu grado de participación, de implantación, de extensión ou doutros factores, precisan dun marco xurídico claro para que as persoas que as practican poidan instar para o seu recoñecemento como modalidade ou especialidade deportiva.

O artigo 22 da Lei 3/2012 deixa ao desenvolvemento regulamentario os requisitos de organización dos citados eventos deportivos no ámbito sanitario, da responsabilidade e da seguridade.

O artigo 23 da Lei 3/2012 recolleu a obrigatoria subscrición dun seguro de responsabilidade civil polos/as organizadores/as de competicións e de eventos deportivos e os/as explotadores/as de centros deportivos e prestadores/as de servizos deportivos, que cubrise os danos que puidesen ocasionárselles a participantes, usuarios/as e calquera persoa a consecuencia das condicións das instalacións ou da actividade desenvolvida, deixando ao desenvolvemento regulamentario as coberturas mínimas das devanditas pólizas en función das características das instalacións e das actividades.

Así mesmo, o artigo 28.4 da lei sinala que a expedición de licenzas federativas, escolares e universitarias implica a obriga de subscribir un seguro que garanta a cobertura da asistencia sanitaria e de indemnización para supostos de perdas anatómicas ou funcionais ou de falecemento, sen establecer prestacións mínimas.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A día de hoxe existen diversas prácticas deportivas que non encontraron acomodo nas xa existentes ou que, pretendendo encaixar nalgunha delas, non dispoñían dos mecanismos claros e precisos para instar ese recoñecemento. Xunto con esta realidade, tamén se constata a existencia de actividades deportivas das que se descoñece desde as súas normas de participación e xogo ata se se trata dunha actividade que conta cun recoñecemento oficial.

É preciso contar cunha serie de criterios obxectivos á hora de resolver as posibles solicitudes nesta materia, criterios que se determinan no presente decreto co fin de que todas aquelas persoas e entidades que teñan interese en promover o recoñecemento dunha modalidade ou especialidade deportiva sexan coñecedoras dos requirimentos que deberán cumprir aos efectos de valoración da devandita solicitude.

Faise necesaria a regulación da protección aseguradora dos/as participantes en eventos deportivos e competicións no caso de accidente deportivo e a regulación da protección aseguradora dos danos que poidan sufrir tanto os/as participantes como os/as usuarios/as e calquera persoa no curso de competicións e eventos deportivos a causa das condicións das instalacións ou das actividades que se desenvolven.

Ademais, resulta preciso definir con claridade as competicións e, especialmente, o que ten que ser considerado evento para delimitar os ámbitos nos que resulta obrigado facilitar esta protección aseguradora no deporte.

Obxectivos:

Desenvolver a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establecendo a regulación do procedemento para o recoñecemento de modalidades e especialidades deportivas, a regulación das competicións e os eventos deportivos, das licenzas deportivas e da protección aseguradora da actividade deportiva.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A día de hoxe soamente se contempla como solución a aprobación do decreto.

Rango da norma:

Decreto