Decreto polo que se aproba o Regulamento de explotación e policía de portos e das instalacións marítimas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Consellería do Mar - Entidade Pública Empresarial Portos de Galicia

Departamento: Consellería do Mar - Portos de Galicia

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 23/12/2020 - 23/02/2021

Información sobre a norma :

Antecedentes:

Actualmente, o Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que se aplica é o aprobado pola Orde ministerial do 18 de xuño de 1976, sendo evidente, visto o tempo transcorrido, que tal regulamento quedou obsoleto en aspectos relativos á regulamentación da actividade portuaria.

Problemas que se pretenden solucionar:

Actualización da normativa: tras máis de catro décadas de vixencia do devandito Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos aprobado pola Orde ministerial do 18 de xuño de 1976, ofrecer solucións ás necesidades actuais da regulación da operativa da actividade portuaria. Por outra banda, precísase axustar a regulación do Capítulo X sobre Sanción deste Regulamento de 1976 á realidade actual dos portos, ademais do seu desfase e afectación por normativa posterior, singularmente pola Lei portuaria autonómica 6/2017, do 12 de decembro.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, na súa disposición transitoria sétima, estableceu que no prazo dun ano desde a entrada en vigor da devandita lei se aprobará un Regulamento de explotación e policía. Resulta, pois, preciso abordar esta iniciativa normativa de elaborar o Regulamento de servizo e policía dos portos.

Obxectivos:

O obxectivo básico deste instrumento normativo é asegurar a correcta prestación de servizos e operacións portuarias e o debido uso das instalacións, e establecer as normas de vixilancia e control dos servizos, o cumprimento das condicións fixadas para a ocupación de dominio público, o uso de instalacións, o exercicio de actividades comerciais e/ou industriais, así como a concreción do réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia á realidade dos portos galegos e ás competencias da comunidade autónoma nesta materia.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

Dado que o Regulamento de servizo e policía que se aplica, como xa se dixo, data de 1976, por tanto, é unha norma preconstitucional e moi antiga, non se presentan outras alternativas que non sexa a aprobación dunha norma que substitúa por completo a esta norma de hai 42 anos. Por outra parte, existe un mandato legal expreso na disposición transitoria sétima da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, de que se aprobe este Regulamento.
 

Rango da norma:

Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2