Decreto polo que se regula o procedemento para a acreditación do persoal de enfermería para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde

Departamento: Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde (Sergas)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 29/10/2020 - 12/11/2020

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, determina no seu artigo 9.1 que a atención sanitaria integral supón a cooperación multidisciplinaria, a integración dos procesos e a continuidade asistencial dos/as pacientes, e evita o fraccionamento e a simple superposición entre procesos asistenciais atendidos por distintos titulados ou especialistas. 

    En beneficio disto, tanto no texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2015, de 24 de xullo, como no Real Decreto 954/2015, do 23 de outubro, polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte dos enfermeiros, recóllese a posibilidade de que o persoal de enfermería indique, use e autorice a dispensación de medicamentos non suxeitos a prescrición médica e de produtos sanitarios a través da correspondente orde de dispensación. Pola súa banda, o Real decreto 1302/2018, do 22 de outubro, modificativo deste último, sinala expresamente que a regulación do procedemento para a acreditación dos/das enfermeiros/as corresponde ás CCAA , polo que estes/as, no exercicio da súa actividade profesional, poderán indicar, usar e autorizar a dispensación de medicamentos. suxeitos a prescrición médica, conforme aos protocolos ou guías de práctica clínica e asistencial establecidos, e mediante a correspondente orde de dispensación.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Coa aprobación deste decreto preténdese proporcionar ás/os enfermeiras/os o marco normativo que lles permita a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, coa garantías legais necesarias para o exercicio autónomo da profesión. Ao tempo que supón un recoñecemento profesional á práctica e o labor asistencial realizadas a diario por este colectivo.

    Preténdese tamén mellorar a seguridade e o beneficio dos/as pacientes mediante o exercicio da práctica profesional do persoal de enfermería, tanto no ámbito dos coidados xerais como no dos especializados, que implica necesariamente o uso de  produtos sanitarios  e medicamentos de uso humano suxeitos ou non a prescrición médica.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    En aplicación da lexislación vixente (Real Decreto 1302/2018, do 22 de outubro) é necesario que cada CA poña en marcha o procedemento que permita outorgar a acreditación das/os enfermeiros/as responsables  tanto de coidados xerais como de coidados especializados, para a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano con suxeición aos requisitos reguladores.

    A publicación deste regulamento supón un importante impacto en todos os ámbitos sanitarios da nosa Comunidade, xa que vai a aumentar a capacidade resolutiva, responsabilidade e autonomía do/a enfermeiro/a para resolver problemas nun único acto.  A acreditación permitirá a este persoal mellorar o seu nivel competencial e desenvolver modelos avanzados de práctica que melloren a excelencia e  a calidade asistencial e contribúan á sustentabilidade dos sistemas sanitarios.

    A súa aprobación tamén supón unha oportunidade con respecto aos pacientes nas seguintes actuacións de valor como son: 

    • Educar á persoa e/ou ao coidador/a no manexo de tratamento farmacolóxico e de produtos sanitarios e nos seus coidados asociados.
    • Establecer estratexias de mellora na adherencia.
    • Detectar e informar de efectos adversos relacionados cos tratamento farmacolóxico. 
  • Obxectivos:

    Regular o procedemento administrativo que permita as/os enfermeiras/os, tanto sexan responsables de coidados xerais como especializados, obter a correspondente acreditación para a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano na Comunidade Autónoma de Galicia.

    Dar respostas a diferentes necesidades da cidadanía, especialmente naquelas intervencións relacionadas coa atención á cronicidade, coa prevención da enfermidade, derivadas do ingreso hospitalario e en xeral todas aquelas actividades propias do ámbito no que se desenvolvan, incorporando estratexias que melloran as condicións de accesibilidade ás prestacións, diminuíndo a frecuentación e mellorando a xestión da demanda compartida. 

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non se contemplan, por ditarse esta regulamentación en desenvolvemento do previsto no artigo 10 do Real decreto 1302/2018, do 22 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 954/2015, do 23 de outubro, polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte dos/as enfermeiros/as, o cal ten o carácter de lexislación básica.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 9