Decreto polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda - Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 26/06/2020 - 10/07/2020

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O marco normativo aplicable actualmente en Galicia en materia de protección e benestar dos animais de compañía está constituído pola Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia; o Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade; o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os Rexistros Galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos (ambas normas vixentes no que non se opoñan á lei 4/2017) e a Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos (de ámbito estatal).

    A Lei 4/2017, do 3 de outubro, habilita na súa disposición derradeira primeira ao Consello da Xunta para ditar, no prazo de doce meses dende a súa entrada en vigor, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento regulamentario, sen prexuízo do desenvolvemento normativo que lles corresponda aos Concellos no ámbito das súas competencias.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Tras máis de dúas décadas de vixencia do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, e tras a publicación da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, cómpre abordar nun novo texto o desenvolvemento completo e innovador de todos os aspectos que inciden na materia. Do mesmo xeito e, dado que tamén transcorreron case vinte anos desde a publicación do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os Rexistros Galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos, cómpre actualizar esta normativa, con pleno respecto á normativa básica estatal, integrando nun único documento a regulación que ata o de agora se recollía nos devanditos dous regulamentos, ofrecendo solucións eficaces ás necesidades detectadas no tempo transcorrido e tendo en conta a experiencia acumulada.

    Tales circunstancias aconsellan agora un novo tratamento da materia que de forma clara, eficaz e transparente, facilite tanto á Administración como ás persoas interesadas instrumentos áxiles para acadar unha adecuada protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Dado o tempo transcorrido dende a aprobación do Decreto 153/1998, do 2 de abril, e do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, así como a problemática derivada da súa falta de adecuación a determinados postulados recollidos na Lei 4/2017, do 3 de outubro, ponse de manifesto a necesidade de completar e modificar certos aspectos que non resultan suficientemente claros, para evitar dúbidas na súa interpretación.

  • Obxectivos:

    O obxectivo principal da disposición regulamentaria é clarificar, simplificar, unificar e completar o réxime que debe resultar de aplicación á protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación dos devanditos Decretos 153/1998 e 90/2002, pero polos motivos expostos anteriormente considérase procedente abordar un novo texto coa fin de garantir a seguridade xurídica, integrar nun único documento as dúas regulacións e facilitar o axeitado manexo da norma.

  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 9