Orde pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos membros do pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Departamento: Consellería do Mar - Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 19/12/2019 - 04/01/2020

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    Por orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 26 de agosto de 2014 foron convocadas as eleccións para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia. A toma de posesión dos membros do pleno do consello regulador realizouse o 26 de novembro de 2014.

    Ao abeiro do establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, a duración do mandato dos vogais dos consellos reguladores é de catro anos, que comezarán a contarse dende o día seguinte ao da súa toma de posesión.

    De acordo co anterior é necesario realizar a convocatoria electoral para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Convocar eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    O marco normativo que rexe o proceso de renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e, en xeral, todo o relativo ao seu funcionamento, está constituído pola Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e o seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, e a Orde do 20 de marzo de 2019, pola que se aproba o regulamento da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

    O artigo 35.1 do Decreto 4/2007 indica que a duración do mandato dos consellos reguladores será de catro anos, e o artigo 36.1 establece que nos dous meses anteriores á finalización do mandato dos vogais dos consellos reguladores, a consellería competente en razón da natureza do produto convocará as eleccións. A competencia correspóndelle, polo tanto, á Consellería do Mar.

  • Obxectivos:

    O obxecto da norma é convocar as eleccións e ditar as normas relativas para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Non existe outra opción non regulatoria porque se trata de substituír unha orde reguladora, e ten que ser cunha norma do mesmo rango regulamentario.

  • Rango da norma:

    Orde