Decreto polo que se regula o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos

Órgano ou entidade impulsora: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia - Amtega

Departamento: A Presidencia da Xunta - Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 19/09/2019 - 04/10/2019

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece no seu artigo 6 que a Administración xeral do Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais disporán de rexistros electrónicos de apoderamentos.

O artigo 40 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia crea o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, prevendo a disposición transitoria segunda desta norma que o seu funcionamento efectivo se producirá na data que se determine no correspondente desenvolvemento regulamentario.

Así mesmo, o artigo 41 da citada Lei 4/2019 crea o Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos, establecendo o apartado 4 do devandito artigo que regulamentariamente se desenvolverá o procedemento de inscrición e baixa, así como as súas condicións de funcionamento.

Problemas que se pretenden solucionar:

O presente decreto ten como finalidade a posta en marcha do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e do Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos, creados ambos pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, así como establecer a regulación do seu funcionamento.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece unha regulación completa e sistemática das relacións ad extra entre as Administracións públicas e os administrados, tendo como principal obxectivo a simplificación e axilización dos procedementos administrativos.

Entre as medidas dirixidas á redución de cargas administrativas, esta lei establece a posibilidade de realizar apoderamentos electrónicos apud acta, de maneira presencial ou electrónica, sen custo algún para o/a cidadán/á. Deste xeito, o/a interesado/a poderá apoderar a outra persoa para que realice trámites no seu nome ante unha ou varias Administracións públicas, con menores custos económicos e de tempo.

Para facer efectiva esta medida, a norma establece, no seu artigo 6, a obriga da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais de contar cun rexistro electrónico de apoderamentos. A disposición final sétima desta lei dispón que as previsións relativas a este rexistro producirán efectos a partir do día 02/10/2020.

O artigo 40 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia crea o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, prevendo a disposición transitoria segunda que o funcionamento efectivo se producirá na data que se determine no seu desenvolvemento regulamentario.

Así mesmo, o artigo 41 da citada Lei 4/2019 crea o Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos, establecendo o apartado 4 do devandito artigo que regulamentariamente se desenvolverá o procedemento de inscrición e baixa, así como as súas condicións de funcionamento.

En conclusión, coa finalidade da posta en funcionamento do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e do Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos, creados ambos pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e de conformidade co establecido na devandita norma, é necesario o seu desenvolvemento regulamentario.

Obxectivos:

Os obxectivos do presente decreto son a posta en marcha do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e do Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos, creados pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, así como establecer a regulación do seu funcionamento.

A creación do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia ten como finalidade mellorar a atención á cidadanía, poñendo á súa disposición un instrumento que facilite a acreditación, ante os órganos do sector público de Galicia, dos apoderamentos concedidos para a realización de trámites administrativos. Na medida en que a súa finalidade é a mellora do servizo público, o acceso ao rexistro ten carácter absolutamente voluntario para os/as cidadáns/ás, que ademais van poder determinar os trámites e actuacións aos que se estenden os apoderamentos concedidos.

Pola súa banda, a creación do Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos persegue a finalidade de simplificar o trámite relativo á acreditación da representación, de forma que, nos trámites nos que estas persoas, na condición de titulares de tales órganos ou cargos, actúen en representación dunha entidade, esta poderase acreditar a través da súa inscrición neste rexistro.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

O presente decreto desenvolve as previsións establecidas no artigo 6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nos artigos 40 e 41 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia; artigos estes últimos en virtude dos que se crea o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de órganos ou cargos públicos, que precisan, de conformidade co establecido na devandita Lei 4/2019, do oportuno desenvolvemento regulamentario, o que motiva que non caiba alternativa á elaboración do regulamento que se pretende.

Rango da norma:

Decreto