Lei do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas nas explotacións da Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Departamento: Consellería do Medio Rural - Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 02/08/2019 - 15/09/2019

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A actividade gandeira ten unha repercusión sobre o medio ambiente, podendo alterar a calidade do aire, do solo e da auga, xerar gases de efecto invernadoiro ou emitir po e olores. Estas emisións están limitadas, por diversas normas, a maior parte delas de carácter supranacional, que Galicia está obrigada de cumprir. Ademais, no ámbito das boas condicións agrarias e ambientais, existen requisitos legais de xestión e boas prácticas agrarias que deben cumprir os agricultores e gandeiros que reciban pagos no marco da Política Agraria Común (PAC).

Neste contexto, o  Real decreto 261/1996, do 16 de febreiro, incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 91/676/CEE, sobre a protección das augas contra a contaminación producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que establece unha serie de medidas para previr e corrixir a contaminación das augas causada por nitratos de orixe agraria, para a designación das zonas vulnerables, para a elaboración dos códigos de boas prácticas agrarias e o establecemento de programas de actuación destinados á prevención e redución da contaminación causada por nitratos de orixe agraria nas zonas vulnerables que se designen.

Pola súa banda, o Real decreto 818/2018, do 6 de xullo, sobre medidas para a redución das emisións nacionais de determinados contaminantes atmosféricos establece compromisos nacionais de redución de emisións de amoníaco.

Igualmente resulta aplicable o Real decreto 1528/2012, do 8 de novembro, polo que se establecen as normas aplicables aos subprodutos animais e os subprodutos derivados non destinados ao consumo humano, que desenvolve os aspectos da normativa comunitaria que poden ser regulados pola normativa nacional. En particular, en todo o referente á autorización e rexistro do transporte de esterco utilizado como emenda na actividade agraria e forestal estarase ao disposto no artigo 20 do mencionado Real Decreto. Igualmente, a modificación realizada polo Real decreto 980/2017 condicionou a aplicación de xurros nas superficies agrícolas, mediante sistemas de prato ou abanico ou canóns.

Doutra banda, a Decisión UE 2017/302 considera como Mellor Técnica Dispoñible (MTD) a inxección no terreo ou enterramento das dexeccións gandeiras sólidas despois da súa aplicación, no menor prazo de tempo posible. Como alternativa á xestión dos xurros cómpre priorizar a aplicación dos mesmos como reciclaxe de nutrientes nas terras de cultivo e, posteriormente, no caso de non existir suficiente superficie agraria dispoñible, sometelo a outros tratamentos de xestión. Tamén no ámbito comunitario destacar o Regulamento (CE) nº 1069/2009, do Parlamento e do Consello, do 21 de outubro de 2009, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e os produtos derivados non destinados ao consumo humano, que tamén resulta aplicable.

Problemas que se pretenden solucionar:

Nos últimos anos observase unha concentración de actividade gandeira intensiva en determinadas comarcas de Galicia. Esta realidade está xerando excedentes de esterco e xurro en determinadas zonas que a agricultura non é capaz de absorber, ocasionando un risco ambiental que é preciso atallar o antes posible, coa finalidade  de previr graves problemas medioambientais que poden derivarse dunha xestión inadecuada de xurros e de esterco tales como a contaminación difusa da auga (eutrofización, contaminación por nitratos e contaminación microbiolóxica), acumulación de fósforo e metais pesados no solo e emisións á atmosfera de amoníaco e gases de efecto invernadoiro, así como a xeración de olores.

Ao mesmo tempo, esta xestión das dexeccións gandeiras debe producir unha fonte recorrente e segura de fertilizantes naturais para as explotacións agrícolas que permita poñer a disposición do consumidor produtos máis seguros e de mellor calidade. 

 

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A mellora e adaptación dos sistemas de xestión para valorizar de forma adecuada as dexeccións gandeiras xeradas nas explotacións e evitar impactos ambientais negativos debidos á contaminación ocasionada por nitratos de orixe agraria, resultan prioritarios.
As esixencias impostas pola Unión Europea, neste aspecto, fan preciso abordar globalmente esa xestión, obxectivo ao que se dirixe o deseño dun  marco normativo que estableza un sistema integrado e coordinado de xestión de dexeccións gandeiras, cunha  adecuada repartición de funcións e deberes que deben asumir os distintos axentes -titulares de explotacións gandeiras, agricultores, xestores e Administración- do Sistema Integral de Dexeccións Gandeiras de Galicia. O sector agro-gandeiro debe contar cun marco de ordenación para construír unha estratexia de desenvolvemento para as próximas décadas que lle permita posicionarse nos mercados nacionais, europeos e mundiais, reducir os riscos asociados á contaminación e integrar os retos que demanda a sociedade, ao mesmo tempo que garanta a sostibilidade do sector gandeiro na súa tripla dimensión económica, ambiental e social.

No caso da Comunidade Autónoma resulta preciso promover una ordenación legal da produción, recollida, transporte, almacenamento e xestión das dexeccións gandeiras xeradas nas explotacións de Galicia, así como o establecemento dun Sistema Integrado de Xestión que garanta a trazabilidade das mesmas ata o seu tratamento final.

Así mesmo, en virtude da normativa europea, Galicia debe contribuír aos compromisos de redución de amoníaco e outros gases contaminantes e partículas volátiles.

 

Obxectivos:

A xestión das dexeccións gandeiras ten que  ser integral, desde a minimización na súa orixe ata a fertilización, pasando pola alimentación adaptada a cada fase do ciclo produtivo e a adecuación dos sistemas de xestión a cada realidade local, o que redundará na extraordinaria calidade do produto agro-gandeiro galego e, polo tanto, levará asociado un incremento dos prezos que mellorará as condicións de medio rural e do sector agro-gandeiro en Galicia.

É, polo tanto, necesario desenvolver un Sistema integrado, coordinado e homoxéneo que incorpore procedementos que permitan a acreditación e o control de todas as operacións de xestión de dexeccións gandeiras que comporten a súa aplicación como fertilizantes ou emendas agrarias, que aproveite o sistema de información xeográfica aplicado na xestión das axudas correspondentes á política agraria común e valorización das fraccións que constitúan residuos de natureza orgánica e que permita a súa coordinación cos procedementos de control das obrigas dos titulares das explotacións agrarias en materia de fertilización, conforme ás distintas normas sectoriais que resultan de aplicación.

A xestión integrada das dexeccións gandeiras non só axudará a resolver un problema ambiental, o tratamento dos xurros, esterco ou galiñaza, senón que posibilitará a produción de enerxías verdes, para o autoconsumo, para ser inxectadas nas redes de transporte de gas ou para ser utilizadas noutros sectores, como o transporte e a produción eléctrica.

 

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

A alternativa dunha  regulación integral do sistema de dexeccións gandeiras, dende o seu orixe, garantindo a súa trazabilidade, cun sistema integrado e coordinado de xestión das dexección coa conseguinte atribución de funcións, sería o desenvolvemento dos distintos instrumentos que existen no marco normativo estatal e autonómico, co que se abordarían as distintas fases e procedementos, pero dun modo independente, non integral, coa conseguinte dispersión normativa e ausencia de integridade e coordinación entre elas.

Non existe posibilidade de non regulación debido ás demandas da Unión Europea relativas á finalidade de reducir a contaminación causada ou provocada por nitratos de orixe agraria e actuar preventivamente contra contaminacións deste tipo.

 

Rango da norma:

Lei

Achegas e opinións recibidas: 12