Decreto polo que se modifica o Decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento, e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Departamento: Consellería de Economía, Emprego e Industria - Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 15/07/2019 - 29/07/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 43.2 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, establece que as administracións autonómicas, no exercicio das súas competencias, deberán garantir que os actos de control que afecten á implantación das instalacións de subministración de carburantes polo miúdo, se integren nun procedemento único e ante unha única instancia. Para tal efecto, regularán o procedemento e determinarán o órgano autonómico ou local competente ante o que se realizará a solicitude e que, se é o caso, resolverá este. Este procedemento coordinará todos os trámites administrativos necesarios para a implantación das devanditas instalacións con base nun proxecto único.

    O decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento, e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos, dou cumprimento ao citado artigo 43.2 establecendo un procedemento único para Galicia.

    A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, sinala no seu artigo 44 que as comunidades autónomas constituirán un rexistro de instalacións de distribución polo miúdo no cal deberán estar inscritas todas aquelas instalacións que desenvolvan esta actividade no seu ámbito territorial. Ese rexistro foi creado en Galicia pola Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos, configura un rexistro con carácter autorizativo. Esto supón demoras inxustificadas no inicio de actividade das instalacións de distribución que están listas para entrar en servizo. O principio de necesidade e proporcionalidade das actuacións das autoridades competentes fai recomendable substituír este mecanismo autorizativo por un sistema de comunicación previa.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A prestación do servizo de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos polo miúdo constitúe unha actividade económica importante que afecta aos intereses e dereitos da cidadanía e das empresas.

    Tanto a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia como o Consello Galego da Competencia no seu informe sobre o mercado dos carburantes de automoción en Galicia puxeron de manifesto a falta de suficiente competencia no mercado de distribución de carburantes de automoción en Galicia.

    A Comisión Galega da Competencia, na súa circular de boas prácticas para a apertura de estacións de servizo, recomendou á Administración Autonómica substituír o rexistro autorizativo de instalacións de distribución por un rexistro cun sistema de comunicación previa, e realizar unha refundición normativa, incorporando á norma que regula o procedemento integrado o réxime do rexistro.

  • Obxectivos:

    • Modificar o carácter autorizativo do rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos, substituíndose pola comunicación previa.
    • Refundir a normativa que regula o procedemento integrado e a que regula o rexistro de instalacións de distribución.
    • Todo isto co obxectivo final de facilitar a apertura de estacións de servizo que incrementen a competencia e posibiliten a redución dos prezos de venda ao público de carburantes.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A alternativa a modificar o Decreto 45/2015, do 26 de marzo, sería tramitar un novo decreto que regulase especificamente o rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos, ou tramitar un novo decreto que regulase o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos e derogase o decreto 45/2015.

  • Rango da norma:

    Decreto