Decreto polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o seu rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia

D

Documentos relacionados

Órgano ou entidade impulsora: Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda - Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 07/06/2019 - 21/06/2019

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    No ano 2015, en cumprimento da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, iniciouse a tramitación dun decreto para regular o informe de avaliación dos edificios na Comunidade Autónoma de Galicia e crear o seu rexistro co obxectivo de recoller a información xerada por estes informes en Galicia.

    A tramitación quedou en suspenso tras a Sentenza 5/2016, do 21 de xaneiro, do Tribunal Constitucional, que declarou inconstitucional a regulación das inspeccións técnicas que contiña o Real Decreto-lei 8/2011. Esta sentenza aconsellou por prudencia suspender a tramitación do anteproxecto de decreto á espera de que se ditase sentenza sobre o recurso de inconstitucionalidade presentado contra a regulación do Informe de Avaliación dos Edificios contida na lei 8/2013, do 26 de xuño. A Sentenza do Tribunal Constitucional 143/2017, do 14 de decembro, declarou inconstitucional esta regulación por incidir no ámbito competencial das Comunidades Autónomas.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    O informe de avaliación do edificio (IAE) é un instrumento que acredita a situación en que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, co cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e co seu grao de eficiencia enerxética.

    Con este decreto darase solución á regulación do informe de avaliación dos edificios na Comunidade Autónoma de Galicia e crearase o seu rexistro co obxectivo de recoller a información xerada por estes informes en Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    Están obrigadas a dispoñer do informe de avaliación do edificio as persoas propietarias únicas de edificios, as comunidades de propietarios e propietarias ou as agrupacións de comunidades de propietarios e propietarias de edificios que se atopen nas situacións sinaladas no decreto. O informe de avaliación do edificio deberá presentarse no Concello e incorporarse ao libro do edificio. A Administración da Comunidade Autónoma creará un Rexistro de Informes de Avaliación de Edificios, no cal os Concellos deberán rexistrar os informes que se presenten no seu termo municipal.

    O incumprimento da obriga terá a consideración de infracción urbanística polo que é necesaria a súa correcta regulación; ao mesmo tempo, permitirá coñecer a situación en que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, co cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e co seu grao de eficiencia enerxética.

  • Obxectivos:

    Regular o informe de avaliación dos edificios e crear o seu rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia:

    • Regulamentariamente determinarase o contido detallado, a estrutura, o alcance e os efectos derivados dos informes de avaliación dos edificios. Corresponde aos Concellos velar polo cumprimento da obriga de redactar os informes de avaliación dos edificios.
    • A Administración da Comunidade Autónoma creará un Rexistro de Informes de Avaliación de Edificios, no cal os Concellos deberán rexistrar os informes que se presenten no seu termo municipal.
  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    No ano 2015, en cumprimento da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, iniciouse a tramitación dun decreto para regular o informe de avaliación dos edificios na Comunidade Autónoma de Galicia e crear o seu rexistro co obxectivo de recoller a información xerada por estes informes en Galicia.

    A Lei 1/2019, de 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, deu resposta á situación creada tras esta sentenza, regulando o informe de avaliación dos edificios no capítulo II do seu Título Preliminar, concretamente o seu concepto, contido, obrigatoriedade, vixencia e periodicidade, a capacitación para subscribilo e o mandato de creación dun rexistro para a inscrición destes informes que será de utilidade para as políticas autonómicas de vivenda, así como para o labor da Administración municipal.

    Dado o tempo transcorrido e os cambios normativos, enténdese que o máis conveniente é iniciar novamente a tramitación dun decreto autonómico que regule este informe e cree o seu rexistro en Galicia.

  • Rango da norma:

    Decreto