-
Antecedentes:
A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Constitución e o seu Estatuto de Autonomía (artigos 27 e 28), ostenta a competencia exclusiva en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, así como a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro.
No exercicio destas competencias aprobouse a Lei 11/2008, do 11 de decembro, de pesca de Galicia. O seu título II regula as medidas de conservación e de xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, e o seu título IV, o marisqueo.
Na actualidade, o desenvolvemento da actividade de marisqueo regúlase principalmente no título I do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, no que se ordena a explotación dos recursos marisqueiros a través plans de explotación e xestión de vixencia anual.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Falta de adaptación da normativa vixente á situación ou grao actual de evolución organizativa do sector marisqueiro, logo dos 25 anos transcorridos dende a promulgación do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.
A regulación actual non contempla os aspectos medioambientais nos plans, derivados da aplicación da DMEM e do recoñecemento do marisqueo como actividade encadrada na economía azul que depende e contribúe ao mantemento do bo estado do medio mariño.
Falta de adecuación dos plans de vixencia anual baseados no volume do stock para o seguimento dos indicadores da saúde dos stock establecidos na DMEM, e para unha correcta avaliación da xestión da explotación marisqueira de acordo coas recomendacións técnicas actuais.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Para actualizar a normativa de desenvolvemento da actividade marisqueira, aumentar a eficiencia administrativa sobre a cuestión, mellorar a avaliación das explotacións marisqueiras e harmonizar e incluír regulamentariamente os aspectos medioambientais antes sinalados nos plans de xestión, precísase realizar unha revisión das normas contidas no título I do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, e resto de normas que resulten afectadas.
-
Obxectivos:
Garantir unha xestión sostible dos recursos marisqueiros a través da implantación dun sistema de plans de xestión de recursos marisqueiros de vixencia trianual, que contemple obxectivos a medio prazo medioambientais, económicos, sociais e de emprego, adaptados ao grao actual de evolución organizativa acadado polo sector.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Tratándose dun proxecto normativo que deroga parcialmente un decreto, considérase que non existe outra opción que a publicación dun regulamento do mesmo rango xurídico que as normas que substitúe e modifica.
-
Rango da norma:
Decreto