Decreto polo que se regula o deporte de alto nivel de Galicia
Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte
Departamento: A Presidencia da Xunta
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 29/04/2019 - 13/05/2019
Información sobre a norma :
Antecedentes:
O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte
O artigo 5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia establece, entre outras competencias que lle corresponden a administración autonómica, a de “regular e fomentar o deporte e os deportistas de alto nivel de Galicia e as categorías de deportistas, así como os requisitos para ser incluídos nestas e os seus beneficios”. Asemade no apartado q) atribúe a competencia para establecer e, no seu caso, recoñecer os centros de alto nivel deportivo da Comunidade Autónoma. O artigo 34 reflicte que “Terán a consideración de Deportistas galegos de alto nivel, ou doutras categorías que se poidan establecer, aqueles deportistas que reúnan os requisitos establecidos regulamentariamente e sexan recoñecidos como tales pola Administración autonómica en función dos seus resultados, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego”. Igualmente, o artigo 35 inclúe a posibilidade de ampliar o recoñecemento de alto nivel aos técnicos/as, adestradores/as e árbitros/as. No artigo 36 reflíctense os beneficios que pode levar dito recoñecemento, e contempla a posibilidade de “establecer regulamentariamente a condición vitalicia de Deportista galego de alto nivel para aqueles que se caracterizasen especialmente por elevar o nivel do deporte galego ou a representación deportiva de Galicia”.
A devandita norma prevé expresamente no artigo cinco a competencia exclusiva da Administración autonómica para levar a cabo o desenvolvemento regulamentario da lei.
Problemas que se pretenden solucionar:
Con esta iniciativa preténdese harmonizar a normativa reguladora destes axentes deportivos de alto nivel, establecendo un réxime claro de dereitos, beneficios e apoio, clarificar o procedemento de recoñecemento desta condición e incluír aqueles colectivos que non figuraban amparados pola normativa vixente a día de hoxe, como os adestradores, árbitros e xuíces, os centros de alto nivel e os núcleos de adestramento especializado. Por outra banda créase a Oficina de Atención ao Deportista, ferramenta necesaria dentro de calquera sistema de protección global e efectiva dos axentes deportivos, e que permitirá atendelos, dende o asesoramento, en todas as etapas –durante e despois- da súa carreira e dedicación competitiva.
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Despois da experiencia adquirida coa aplicación do decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, das demandas de diferentes entidades deportivas, así como dos propios deportistas de Galicia, faise necesario e oportuno contar cunha nova regulación dirixida a este colectivo de deportistas galegos/as.
O novo concepto de deporte de alto nivel de Galicia neste decreto pretende incluír por primeira vez a outros colectivos, como son os/as adestradores/as-técnicos e os xuíces-árbitros, como axentes con presenza directa e transcendente no alto nivel, tanto na fase preparatoria e de dirección dos deportistas como na fase de competición, velando polo estrito cumprimento das normas e o correcto desenvolvemento da práctica deportiva. Nesta nova concepción coa que abarcar a enteira realidade do deporte de alto nivel, recoñécese tamén a posibilidade de que determinados medios materiais e instalacións especificamente destinadas á preparación da mais rigorosa exixencia competitiva, sexan especialmente recoñecidos e protexidos.
Obxectivos:
Aprobación das condicións, requisitos e procedementos para o recoñecemento da condición de deportista galego de alto nivel, así como as medidas de apoio a estes deportistas, xunto coa regulación doutros colectivos de alto nivel de Galicia (os/as adestradores/as-técnicos e os xuíces-árbitros). Outro obxectivo é recoñecer tamén a posibilidade de que determinados medios materiais e instalacións especificamente destinadas á preparación da mais rigorosa exixencia competitiva, sexan especialmente recoñecidos e protexidos.
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A día de hoxe soamente se contempla unha solución regulatoria, en cumprimento de mandato legal.
Rango da norma: