Lei pola que se recoñece como universidade privada á "Universidad Internacional de la Empresa" con sede na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Universidades

Departamento: Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional - Secretaría Xeral de Universidades

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/01/2019 - 30/01/2019

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, regula os principais aspectos relativos ás condicións e requisitos para o recoñecemento, funcionamento e réxime xurídico das universidades privadas establecendo no seu artigo 4 a necesidade de que o dito recoñecemento, que terá carácter constitutivo, se leve a cabo mediante unha lei da asemblea lexislativa da comunidade autónoma en cuxo ámbito territorial se estableza. A dita lei foi desenvolvida neste aspecto concreto polo Real decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios.

Así mesmo a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, logo de establecer no seu artigo 3 a posibilidade de creación ou recoñecemento por lei do Parlamento de Galicia de novas universidades no sistema universitario autonómico, desenvolve, na sección 1ª do  capítulo II, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, establecendo os requisitos xerais e específicos que deben cumprir as universidades privadas.

A entidade Fundación Universidad Internacional de la Empresa solicita o recoñecemento da Universidade Internacional da Empresa como universidade privada que, con sede en Santiago de Compostela, impartirá ensinanzas dirixidas á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional.

Problemas que se pretenden solucionar:

Autorizar a formación universitaria de iniciativa privada diversificando a oferta do Sistema Universitario de Galicia, incidindo no carácter de servizo público ao ser promovida por unha fundación de interese galego sen ánimo de lucro.

Ampliación da oferta formativa superior, mantendo a garantía da calidade da mesma aos niveis da oferta pública xa existente, mediante o recoñecemento da primeira universidade privada galega, con oferta especializada no eido da empresa e de carácter internacional.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A creación de universidades públicas e o recoñecemento de universidades privadas levarase a cabo por Lei do Parlamento da Comunidade Autónoma segundo o establecido na normativa vixente, estatal e autonómica, polo tanto é necesario proceder á elaboración dunha norma con rango de lei.

 

Obxectivos:

O Real decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios, ditado en desenvolvemento da Lei orgánica 6/2001, de 21 e decembro, de Universidades, establece os requisitos básicos de persoal, infraestruturas e materiais, actividade académica e investigadora, organización e estrutura... para a creación e recoñecemento de universidades, polo que a norma a elaborar deberá conter as ditas previsións:

  • Recoñecer a Universidad Internacional de la Empresa como universidade privada con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Regular aspectos relativos á:
    • estrutura e organización académica
    • inicio e cesamento de actividades
    • requisitos de acceso do estudantado
    • garantía de actividade
    • inspección e control por parte da comunidade autónoma

Rango da norma:

Lei

Achegas e opinións recibidas: 1