Decreto polo que se adoptan medidas sobre a subministración directa da caza maior silvestre abatida na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Saúde Pública

Departamento: Consellería de Sanidade - Dirección Xeral de Saúde Pública

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 21/12/2018 - 14/01/2019

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O censo das poboacións das especies cinexéticas, sobre todo de caza maior silvestre, aumentou considerablemente no territorio galego, o cal permite fomentar e promover a comercialización da carne de caza e outros produtos derivados da caza.

Ao mesmo tempo, o maior aproveitamento destes recursos naturais pode exercer unha presión de control de determinadas poboacións, diminuír os danos e conflitos que xeran cara á agricultura, a gandería, a seguridade viaria e os bens das persoas, e reverter no territorio contribuíndo a mellorar os recursos económicos do mundo rural.

A práctica da cesión por parte do/a cazador/a a consumidores/as locais de pequenas cantidades de carne de caza constitúe unha actividade que se configura administrativamente como unha excepción ao réxime xeral de comercialización da caza, tal e como se regula no apartado 3 c), artigo 1 do Regulamento (CE) n.º 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril.

Problemas que se pretenden solucionar:

A densidade de determinadas poboacións de especies cinexéticas como o xabaril incrementou a actividade cinexética; tamén aumentou a probabilidade de contacto cos animais domésticos, especialmente con aqueles que se crían en condicións extensivas.

A difusión de determinadas enfermidades nos animais silvestres obxecto de caza fai necesario intensificar as medidas de inspección e control das pezas de caza silvestre para garantir a seguridade das persoas consumidoras e coñecer o estado sanitario da fauna salvaxe, polas súas implicacións na saúde dos animais domésticos e na actividade gandeira.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

É necesario, dados os antecedentes, prever o control sanitario adecuado para garantir a inocuidade dos produtos alimentarios que proveñan das pezas de caza silvestre.

O Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo cal se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, fixa normas específicas de hixiene da carne de caza silvestre para a súa comercialización. Tales previsións deben desenvolverse e adaptarse á situación de Galicia.

Ese mesmo Regulamento desenvolve as condicións dos establecementos de manipulación de carne de caza como equipamentos industriais adecuados para recibir os animais obtidos da actividade cinexética, acondicionar as súas carnes para comercialización e sometelas a controis veterinarios que permitan garantir a inocuidade e a aptitude para o consumo.
 

Obxectivos:

  • Establecer os requisitos para a subministración directa por parte do/a cazador/a ao/á consumidor/a final e establecementos de restauración de pequenas cantidades de carne fresca de caza maior silvestre.
  • Aplicar adaptacións dos requisitos dos regulamentos europeos en materia de equipamentos e instalacións cando o volume de produción é reducido.
  • Facilitar o consumo da carne destas especies, pero ao mesmo tempo minimizar o posible risco de transmisión de enfermidades ás persoas polo consumo de carne de caza maior silvestre.
  • Preténdese establecer na Comunidade Autónoma de Galicia as condicións para garantir a idoneidade sanitaria da subministración de caza silvestre.

Rango da norma:

Decreto