-
Antecedentes:
A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, establece un marco legal e competencial en todo o referente ao desenvolvemento das profesións sanitarias e define a formación sanitaria especializada en Ciencias da Saúde como unha formación regrada de carácter oficial cuxo obxecto é dotar aos profesionais dos coñecementos, as técnicas, as habilidades e as actitudes propios da correspondente especialidade, de forma simultánea á progresiva asunción pola persoa en formación da responsabilidade inherente ao exercicio autónomo da mesma.
A formación de especialistas terá lugar polo sistema de residencia en centros acreditados e establecerase unha relación laboral especial entre o servizo de saúde ou o centro e o especialista en formación, atendendo ás características específicas da actividade formativa e da actividade asistencial que se desenvolve nos centros sanitarios, regulada no Real Decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Dada a transcendencia que supón a actividade docente para o Sistema Sanitario de Galicia, faise necesario elaborar unha normativa na que se fixen uns criterios comúns respecto ás estruturas docentes; á composición, funcións e dependencia funcional das Comisións de Docencia; e á designación, dedicación, avaliación e incentivación dos/as xefes/as de estudos e principalmente dos/as titores/as. Así mesmo, a norma que se pretende elaborar avanzará na creación doutras figuras relacionadas coa docencia e na introdución de criterios de calidade na formación que impartimos no noso sistema de saúde.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A lexislación estatal en materia de formación sanitaria especializada, singularmente a Lei 44/2003, do 21 de novembro, así como o Decreto 183/2008, do 8 de febreiro, e a Orde núm. SCO/581/2008, do 22 de febreiro, fan referencia a diferentes aspectos que, en relación á formación sanitaria especializada, deben ser obxecto de desenvolvemento e regulación por parte das comunidades autónomas.
Polo tanto, é necesario proceder a desenvolver a devandita normativa na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade, entre outras, de precisar a composición, funcións e adscrición das Comisións de Docencia dos centros e unidades acreditados; detallar as funcións, o procedemento para o nomeamento, a avaliación e o recoñecemento da figura do/a xefe/a de estudos, dos/as titores/as e outras figuras que participan na función docente, así como das súas funcións; e adoptar disposicións que redunden na mellora da calidade docente e contribúan na medida do posible a alcanzar a excelencia da formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia.
Outras comunidades autónomas, como Cataluña, País Vasco, Castela e León, A Rioxa, Estremadura, Canarias ou Andalucía, xa desenvolveron decretos como o que nos ocupa.
-
Obxectivos:
O obxectivo é a ordenación do sistema de formación sanitaria especializada da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa normativa anteriormente indicada, singularmente co establecido no Real Decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada, establecendo os criterios sobre:
• Composición, funcións e dependencia das Comisións de Docencia
• Designación, dedicación, avaliación e incentivación dos/as xefes/as de estudos.
• Designación, dedicación, avaliación e incentivación dos/as titores/as.
• Outras figuras docentes: creación, designación, dedicación, avaliación e incentivación.
• Calidade docente.
-
Rango da norma:
Decreto