Decreto polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos e o seu rexistro, e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Departamento: Consellería de Economía, Emprego e Industria - Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 09/10/2018 - 23/10/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 43.2 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos establece que as administracións autonómicas, no exercicio das súas competencias, deberán garantir que os actos de control que afecten á implantación das instalacións de subministración de carburantes polo miúdo se integren nun procedemento único e ante unha única instancia. Para tal efecto, regularán o procedemento e determinarán o órgano autonómico ou local competente ante o que se realizará a solicitude e que, se é o caso, resolverá este. Este procedemento coordinará todos os trámites administrativos necesarios para a implantación das devanditas instalacións con base nun proxecto único.

    O decreto 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos e a súa posta en funcionamento, e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos, deu cumprimento ao citado artigo 43.2 establecendo un procedemento único para Galicia.

    A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, sinala no seu artigo 44 que as comunidades autónomas constituirán un rexistro de instalacións de distribución polo miúdo no cal deberán estar inscritas todas aquelas instalacións que desenvolvan esta actividade no seu ámbito territorial. Ese rexistro foi creado en Galicia pola Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.
     

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    A experiencia dos primeiros anos de aplicación do decreto 45/2015, do 26 de marzo, puxo de manifesto certas ineficiencias que é preciso corrixir para que o procedemento integrado sexa aínda máis áxil.

    A Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos configura un rexistro con carácter autorizativo. Esto supón demoras inxustificadas no inicio de actividade das instalacións de distribución que están listas para entrar en servizo. O principio de necesidade e proporcionalidade das actuacións das autoridades competentes fai recomendable substituír este mecanismo autorizativo por un sistema de comunicación previa.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    A prestación do servizo de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos polo miúdo constitúe unha actividade económica importante que afecta aos intereses e dereitos da cidadanía e das empresas.

    Tanto a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia como o Consello Galego da Competencia no seu informe sobre o mercado dos carburantes de automoción en Galicia puxeron de manifesto a falta de suficiente competencia no mercado de distribución de carburantes de automoción en Galicia.

    A Comisión Galega da Competencia, na súa circular de boas prácticas para a apertura de estacións de servizo, recomendou á Administración autonómica substituír o rexistro autorizativo de instalacións de distribución por un rexistro cun sistema de comunicación previa, revisar o procedemento integrado á luz da experiencia dos seus primeiros anos de aplicación para eliminar ineficiencias e mellorar o seu funcionamento, e realizar unha refundición normativa, incorporando á norma que regula o procedemento integrado o réxime do rexistro.
     

  • Obxectivos:

    • Corrixir ineficiencias detectadas no procedemento integrado regulado no decreto 45/2015, para que sexa máis áxil.
    • Modificar o carácter autorizativo do rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos, substituíndose pola comunicación previa.
    • Refundir a normativa que regula o procedemento integrado e a que regula o rexistro de instalacións de distribución.
    • Todo iso co obxectivo final de facilitar a apertura de estacións de servizo que incrementen a competencia e posibiliten a redución dos prezos de venda ao público de carburantes.
       
  • Rango da norma:

    Decreto

Achegas e opinións recibidas: 2