Decreto polo que se modifica o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas

Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral para o Deporte

Departamento: A Presidencia da Xunta - Secretaría Xeral para o Deporte

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 11/02/2021 - 03/03/2021

Información sobre a norma :

Antecedentes:

O número 6 do artigo 58 da Lei do deporte de Galicia preveu que o mandato dos membros da asemblea xeral e da presidencia das federacións deportivas galegas fose de catro anos, período que se establece con carácter xeral para a renovación dos órganos de gobernos colexiados, e estableceu a previsión de que esa renovación se debe levar a cabo nos anos en que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno. Disponse  tamén  que  as  federacións  deportivas  galegas  desenvolverán  os  procesos  electorais  para  a  elección  dos  seus  órganos  de  goberno  e  de  representación  de  acordo  cos seus respectivos regulamentos electorais, que se deberán axustar ao disposto na normativa que para tal efecto estableza a Administración autonómica.

A través do Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, establecéronse as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

 

Problemas que se pretenden solucionar:

Cómpre adaptar a norma vixente á nova realidade derivada da situación provocada pola COVID-19, fortalecendo o voto por correo ao mesmo tempo que se garante a total transparencia e seguridade do desenvolvemento do proceso electoral.

Asemade cómpre modificar a actual norma con respecto á  composición e duración da xunta electoral, aos efectos de posibilitar que profesionais de recoñecido prestixio e licenciados/as en dereito poidan formar parte dela, os requisitos das persoas electoras e elixibles á asemblea xeral, para mellorar a ponderación e representatividade dos distintos estamentos federativos, e  e o réxime de aprobación e publicación do censo electoral.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

No exercicio 2022 é preciso desenvolver un proceso electoral para  a renovación dos órganos de goberno das federacións deportivas galegas, polo que se fai preciso aprobar as modificacións oportunas no Decreto actual de cara a garantir un proceso electoral con todas as garantías de transparencia necesarias.

Obxectivos:

Modificar o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se estableceron as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, de cara a garantir un adecuado desenvolvemento do próximo proceso electoral  para a renovación dos órganos de goberno das federacións deportivas galegas en 2022.

Así preténdese modificar o réxime do voto por correo,  a composición e duración da xunta electoral, os requisitos das persoas electoras e elixibles á asemblea xeral,  e o réxime de aprobación e publicación do censo electoral.

Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

 A día de hoxe soamente se contempla como solución a modificación do actual Decreto.

Rango da norma:

Decreto