Decreto polo que se aproba o texto refundido da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Ordenación Forestal

Departamento: Consellería do Medio Rural - Dirección Xeral de Ordenación Forestal

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 04/05/2018 - 19/05/2018

Información sobre a norma :

Antecedentes:

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, viu modificada a súa redacción orixinal por diversas normas:

  • Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servicios no mercado interior.
  • Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
  • Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
  • Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
  • Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Problemas que se pretenden solucionar:

As diferentes modificacións realizadas na Lei 3/2007, do 9 de abril, por diferentes normas dende a súa entrada en vigor fan necesaria a elaboración dun texto refundido no que se integren, debidamente regularizadas, aclaradas e harmonizadas as ditas modificacións, co fin de estruturar e ordenar nunha única disposición xeral os preceptos na materia. O obxectivo final céntrase en evitar a dispersión de tales normas e o fraccionamento das disposicións que recollen a regulación en materia de prevención e loita contra os incendios forestais en Galicia.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

As vagas de lume que especialmente en determinadas épocas do ano sofre a Comunidade Autónoma Galega fan necesario e oportuno a actualización, aclaración e harmonización das estratexias que inclúan medidas e actuacións, non só de organización territorial estrutural, senón tamén de control da existencia de biomasa vexetal con alto potencial combustible nas proximidades dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios.

Obxectivos:

A evolución da importancia económica, social e medioambiental do monte galego nos últimos anos, e a proliferación de vagas de lume que asolan a nosa comunidade, fan necesaria a adopción dunha norma que veña a actualizar, aclarar e harmonizar as disposicións que fixan as estratexias de defensa dos montes ou terreos forestais fronte aos incendios e protección das persoas e bens afectados, así como a adopción de políticas activas de prevención coordinadas de todas as administracións públicas.

Rango da norma:

Decreto