-
Antecedentes:
A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, creou o Xurado de Expropiación de Galicia e o Decreto 223/2005, do 16 de xuño, regulou a súa organización e funcionamento, configurándoo como un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.
Actualmente, a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, regulan os principios básicos da súa organización e funcionamento. E o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modifica a consellería de adscrición e regula determinadas cuestións relativas á súa presidencia.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Dado que o Decreto 223/2005 foi publicado antes de que o Xurado de Expropiación de Galicia empezara a súa andaina o 14 de febreiro de 2006, o tempo transcorrido dende entón provoca que neste órgano exista unha experiencia de funcionamento que fai que algúns aspectos deban ser reformulados:
- Mellorar a organización da información acerca do funcionamento do Xurado
- Introducir as relacións con outros órganos da Administración e mesmo con outros xurados provinciais de expropiación pertencentes á Administración do Estado
- Adaptar o número de vogais ás necesidades actuais do Xurado
- Adaptar os procedementos ao novo marco da Administración electrónica
- Regular a organización administrativa do órgano administrativo Xurado de Expropiación de Galicia
- Elaborar unha memoria anual que reflicta os datos básicos da actividade deste organismo
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A necesidade e oportunidade do Decreto vén xustificada polos anos transcorridos dende a publicación do Decreto actualmente en vigor, o 223/2005, anos nos que se publicou normativa que afecta aos procedementos xestionados no Xurado, así como a experiencia acadada nestes 12 anos de funcionamento deste órgano, que fai reformularse algúns aspectos do regulamento actualmente en vigor.
-
Obxectivos:
Dotar este órgano de transparencia cara á cidadanía e facer que os procedementos levados a cabo no mesmo sexan máis áxiles e eficaces, redundando nunha adecuada valoración mediante prezo xusto dos expedientes que se reciben no Xurado, para que esa valoración sexa xusta e ecuánime para todas as partes implicadas: Administración expropiante, expropiado e beneficiario de ser o caso.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A regulación interna e o funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia deben ser instrumentados regulamentariamente, de acordo co establecido no artigo 11.3 da Lei 2/2016 do solo de Galicia.
-
Rango da norma:
Decreto