-
Antecedentes:
1. Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Disposición derrogatoria única da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Derroga expresamente os artigos 4 e 7 do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A nova norma pretende darlle resposta á reivindicación dos sectores implicados que teñen posto de relevo a necesidade da aprobación dun novo Catálogo.
O paso do tempo e a evolución da sociedade no que atinxe ás formas de gozar do ocio, aconsellan unha adaptación do Catálogo do 2004, que asegure a compatibilidade entre o dereito ao lecer e o dereito ao descanso da cidadanía.
Así mesmo, coa aprobación do novo Catálogo preténdese dispoñer dunha normativa regulamentaria específica, que facilite as funcións dos operadores técnicos e xurídicos municipais e, ao mesmo tempo, que as persoas interesadas poidan acadar unha máis sinxela e áxil resolución dos seus procedementos.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Con data 02/01/2018 vén de publicarse no DOG a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que establece unha vacatio legis de seis meses desde a súa publicación.
En consecuencia, considerase que cómpre iniciar, coa maior brevidade posible, os traballos necesarios para a elaboración do desenvolvemento normativo da devandita lei, na procura de que, cando se produza a súa entrada en vigor, poida axilizarse a tramitación e a aprobación da normativa regulamentaria e, en particular, do Decreto polo que se aprobe o novo Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
-
Obxectivos:
Este decreto ten por obxecto aprobar, no marco do desenvolvemento normativo da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, un novo Catálogo, que estableza unha regulación máis práctica e moderna, na procura de adaptar as diversas tipoloxías de establecementos públicos, espectáculos públicos e actividades recreativas á realidade da sociedade actual, tendo en conta a experiencia acumulada desde a entrada en vigor do Decreto do 2004, que aconsella unha reformulación acorde co disposto na citada lei.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
Non caben outras solucións ou alternativas que dispoñer dunha normativa regulamentaria específica que incorpore como anexo un novo Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de facilitar as funcións dos operadores técnicos e xurídicos municipais e, ao mesmo tempo, que as persoas interesadas poidan acadar unha máis sinxela e áxil resolución dos seus procedementos.
-
Rango da norma:
Decreto