Antecedentes:
A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes de Estado, que ten carácter básico, atribuíu ás Comunidades Autónomas a competencia para regular en montes e áreas limítrofes o exercicio de todas aquelas actividades que poidan dar lugar a risco de incendio, e establecer normas de seguridade aplicables a edificacións, obras, instalacións eléctricas e infraestruturas de transporte en terreos forestais e as súas inmediacións, que poidan implicar perigo de incendios ou ser afectadas por estes. En particular lles atribúe competencia para regular de forma específica a prevención de incendios forestais e as medidas de seguridade nas zonas de interface urbano-forestal.
En aplicación de tal atribución competencial, aprobouse a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que regula como o seu obxecto a defensa dos montes ou terreos forestais fronte aos incendios e a protección das persoas e bens afectados por eles.
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece no seu artigo 45 que a vixilancia e a detección de incendios forestais pode realizarse, entre outros, polas agrupacións de defensa contra incendios e o voluntariado social.
Así mesmo, o artigo 48.4.b) da dita lei prevé que as agrupacións de defensa contra incendios poden participar nas operacións de extinción e de remate de incendios forestais baixo o mando único operativo dependente da consellaría competente en materia forestal.