-
Antecedentes:
No marco do complexo reparto competencial que se establece sobre o medio ambiente, segundo o disposto nos artigos 149.1.23 e 148.1.9 da Constitución española e 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde á Comunidade autónoma galega a competencia de xestión en materia de protección do medio ambiente e a competencia para ditar normas adicionais de protección do medio ambiente, sen prexuízo da observancia da lexislación básica estatal, que en garantía da igualdade de todos os españois para a protección do medio ambiente corresponde ao Estado.
Na actualidade, o marco normativo autonómico aplicable á inspección ambiental está constituído pola Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia (DOG nº 29 do 10.02.1995), o Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental (DOG nº 106, do 05.06.1995) e a Orde do 30 de maio de 1996, pola que se regula o exercicio da inspección ambiental única e a tramitación das denuncias ambientais (DOG nº 110 do 05.06.1996).
Estas normas conteñen unha regulación que hoxe en día, máis de vinte anos despois da súa publicación, quedou totalmente obsoleta e desactualizada tanto en relación coa normativa comunitaria e estatal, como respecto á organización e funcionamento actual da propia inspección ambiental de Galicia.
Dende o ano 1995, promulgáronse diversas normas que cómpre ter presentes tanto na redacción como na posterior aplicación deste decreto. Así, a Recomendación 2001/331/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 4 de abril de 2001, sobre criterios mínimos das inspeccións medioambientais nos Estados membros; o Regulamento (CE) nº 1013/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de xuño de 2006, relativo aos traslados de residuos e a súa modificación operada polo Regulamento (UE) nº 660/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014; a Directiva 2010/75/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre as emisións industriais, trasposta ao noso ordenamento xurídico mediante o Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación e o Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación; a Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera; o Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental, norma posteriormente derrogada pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia; e no ámbito da lexislación procedimental, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aconsellan agora un novo tratamento da materia que regule a execución da lexislación en materia de inspección ambiental pola comunidade autónoma.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Tras máis de dúas décadas de vixencia do Decreto 156/1995, do 3 de xuño, e logo das modificacións normativas sinaladas, cómpre abordar un novo texto que, partindo da regulación básica estatal de mínimos, desenvolva de xeito completo e innovador todos os aspectos que inciden na materia, ofrecendo solucións eficaces ás necesidades detectadas no tempo transcorrido e tendo en conta a experiencia acumulada.
Tales circunstancias aconsellan agora un novo tratamento da materia que de forma clara, eficaz e transparente, facilite tanto á Administración como aos interesados instrumentos áxiles para acadar unha adecuada utilización racional dos recursos naturais.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Dado o tempo transcorrido dende a aprobación do Decreto 156/1995, do 3 de xuño, así como a problemática derivada da súa falta de adecuación actual tanto aos postulados comunitarios e estatais básicos, como á práctica do exercicio desta potestade pública, ponse de manifesto a necesidade de modificar certos aspectos que non resultan suficientemente claros, para evitar dúbidas na súa interpretación.
-
Obxectivos:
O obxectivo principal da disposición regulamentaria é clarificar, unificar e completar o réxime que debe resultar de aplicación ao exercicio da función de inspección ambiental no ámbito competencial da Dirección xeral competente en materia de calidade ambiental, regulando axeitadamente a planificación das inspeccións ambientais, a consideración que debe ter o persoal inspector, a organización das inspeccións ambientais e o desenvolvemento da propia inspección ambiental.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación do vixente Decreto 156/1995, do 3 de xuño, polo que se regula a inspección ambiental pero polos motivos expostos anteriormente considérase procedente abordar un novo texto coa fin de garantir a seguridade xurídica, e facilitar o axeitado manexo da norma, no lugar de modificalo parcialmente.
-
Rango da norma:
Decreto