Lei en materia de garantía do abastecemento e da calidade da auga en episodios de seca e outras situacións excepcionais

Órgano ou entidade impulsora: Augas de Galicia

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio - Augas de Galicia

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 16/03/2018 - 31/03/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    O artigo 45.2 da Constitución española dispón que “Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva”. En efecto, a auga é o primeiro dos recursos naturais e en situación de seca debe utilizarse con especial racionalidade; a calidade da vida depende esencialmente da dispoñibilidade da auga; e a solidariedade colectiva debe estenderse tanto ás diferentes Administracións implicadas na xestión do recurso como aos diferentes titulares de dereitos privativos para o aproveitamento da auga.

    Como fundamento competencial deben mencionarse os artigos 27.7, 27.12 e 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia en materia de medio ambiente, augas e obras hidráulicas; así mesmo en materia de réxime local debe sinalarse a competencia atribuída polo artigo 27.2, así como a previsión do artigo 25.2.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, cando dispón que o municipio exercerá como competencia propia o abastecemento de auga potable a domicilio, nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas; finalmente, e no ámbito sanitario, deben apuntarse os artigos 33.1 e 33.4 do Estatuto de autonomía, coas correspondentes atribucións de desenvolvemento lexislativo en materia de sanidade interior.

    Ademais,existen precedentes normativos, tanto estatais como autonómicos, nas materias que constitúen o seu obxecto: por unha banda, a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, ao regular a distribución de competencias entre a Administración hidráulica de Galicia e as Entidades locais nos seus artigos 4 e 5, ao proclamar o obxectivo de garantía da subministración de auga en cantidade e calidade suficiente a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos (artigo 24.1), así como ao establecer o réxime das obras e actuacións cuxa transcendencia e efectos excedan o ámbito municipal (artigo 26.1), e a xestión das situacións de necesidade (artigo 26.2.g); por outra banda, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia, cuxo artigo 80.2.l) lembra que a competencia municipal da subministración de auga debe exercitarse nos termos da lexislación sectorial estatal e autonómica; e finalmente a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, cuxos artigos 12 e 49 contemplan a obriga de adoptar as medidas necesarias ante situacións de risco sanitario.

    A nivel estatal convén lembrar as obrigas de todas as Administracións hidráulicas para adoptar medidas de xestión e intervención do dominio público hidráulico en situacións de seca (artigo 58 do Texto Refundido da Lei de Augas, aprobado por Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo), así como os deberes xerais impostos ás Administracións en materia de vixilancia e protección da saúde previstos nos artigos 12, 19 e 27 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública; e os deberes específicos en materia de calidade da auga de consumo humano previstos no Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

    Por último, convén ter presentes os reais decretos polos que se aproban os diferentes plans hidrolóxicos correspondentes ás diferentes concas hidrográficas cuxo territorio alcanza á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro dos cales se integran as previsións técnicas dos respectivos plans de seca, as cales servirán para a activación das devanditas medidas: Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, para o Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa; e Real decreto 1/2016, do 8 de xaneiro, para os Plans Hidrolóxicos das Demarcacións Hidrográficas do Miño-Sil, do Cantábrico, e do Douro.
     

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Ante episodios de escaseza de recursos hídricos, cómpre contar con medidas excepcionais a adoptar para o aproveitamento dos recursos hidráulicos no ámbito das concas dos ríos que discorren integramente polo territorio de Galicia, pero tamén pretende garantir a prestación adecuada dos servizos do ciclo integral de uso urbano da auga e en especial o abastecemento domiciliario de auga en todo o territorio de Galicia.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:


    Por mor dunha importante diminución das precipitacións, Galicia viviu nos anos hidrolóxicos 2015/2016 e 2016/2017 unha situación de notable descenso das reservas de auga embalsada, que na actualidade só se paliou parcialmente cos últimos períodos de choiva. Esta situación de escaseza de recursos hídricos estendeuse a todo o territorio da Comunidade Autónoma, tanto naquelas concas hidrográficas cuxa competencia corresponde á Xunta de Galicia -é dicir, a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa-, como naquelas outras cuxa competencia corresponde ao Estado a través das Confederacións Hidrográficas do Miño-Sil, do Cantábrico e do Douro. Por outra banda, o exame da variación dos recursos hídricos dispoñibles ao longo das últimas décadas permite alcanzar a conclusión de que estas situacións de escaseza prodúcense ciclicamente, sen que se dispoña de datos que poidan augurar un futuro de estabilidade nas reservas de auga.

    En consecuencia, tendo en conta os devanditos dous factores, isto é, a extensión da escaseza de recursos na totalidade do territorio de Galicia, así como o carácter cíclico destas situacións, parece aconsellable que a Xunta de Galicia aborde a adopción das medidas adecuadas para unha mellor xestión da auga.

  • Obxectivos:

    O obxectivo primordial é a garantía do abastecemento de auga á poboación en episodios de seca e outras situacións excepcionais, pero ademais preténdese unha maior seguridade xurídica ante a eventual alteración das condicións dos títulos administrativos de aproveitamento do recurso, así como a provisión dun marco normativo estable que permita actuar á Administración hidráulica con carácter inmediato cando se produza un episodio de escaseza de recursos. Finalmente,cómpre contar con medidas a adoptar no que respecta aos abastecementos de auga destinada ao consumo humano ante as situacións excepcionais que requiran de actuacións inmediatas para a salvagarda da saúde pública e para evitar os riscos sanitarios que poden comportar esas situacións.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    A alternativa a esta nova regulación sería unha modificación da vixente Lei 4/2010, do 4 de novembro, de aguas de Galicia, pero polos motivos expostos anteriormente considérase procedente abordar un novo texto coa fin de garantir a seguridade xurídica, e facilitar o axeitado manexo da norma, no lugar dunha modificación parcial da mesma.

  • Rango da norma:

    Lei