Decreto polo que se establece o currículo dos niveis Básico A1, Básico A2, Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de Réxime Especial na Comunidade Autónoma de Galicia

Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Departamento: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Estado actual: Consulta pechada

Prazo no que estivo aberta a consulta: 19/02/2018 - 09/03/2018

Información sobre a norma :

  • Antecedentes:

    A Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación foi modificada pola Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa nalgúns aspectos concernentes ás ensinanzas de idiomas de réxime especial. Así, no seu artigo 59.1, a Lei orgánica 2/2006 establece que estas ensinanzas se organizan nos niveis Básico, Intermedio e Avanzado e que os ditos niveis se corresponderán, respectivamente, cos niveis A, B e C do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas, que se subdividen, á súa vez, nos niveis A1, A2, B1, B2, C1 e C2.


    En consonancia co disposto nos artigos 6 bis.1.e) e 6 bis.3 da Lei orgánica 2/2006, o Goberno fixou no Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro, as esixencias mínimas do nivel Básico para os efectos de certificación e o currículo básico dos niveis Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2 dos idiomas impartidos nas escolas oficiais de idiomas, co fin de asegurar unha formación común e garantir a validez dos certificados correspondentes. Igualmente, no artigo 59.1 da dita lei establécese que as ensinanzas do nivel Básico terán as características e a organización que as administracións educativas determinen, e o artigo 60.1 establece que as ensinanzas de idiomas correspondentes aos niveis Intermedio e Avanzado serán impartidas nas escolas oficiais de idiomas.

  • Problemas que se pretenden solucionar:

    Establecer os procedementos que desenvolvan, para o ámbito de actuación territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o previsto nas ditas normas de referencia, co obxecto de garantir unha correcta organización académica nos centros que imparten as ensinanzas de idiomas de réxime especial.

  • Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

    O establecido neste decreto será o instrumento normativo de aplicación nas escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme ao estipulado no Real decreto 1041/2017, de 22 de decembro, polo que se fixan as esixencias mínimas do nivel Básico para os efectos de certificación, se establece o currículo básico dos niveis Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2, das Ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas pola Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, e se establecen as equivalencias entre as Ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas en diversos plans de estudos e as deste real decreto.

  • Obxectivos:

    Este decreto ten por obxecto fixar o currículo dos niveis Básico A1, Básico A2, Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de Réxime Especial, de conformidade co establecido no Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro.

    Así mesmo, regula as condicións en que se poden obter os certificados acreditativos da superación dos niveis Básico A1, Básico A2, Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2 destas ensinanzas, así como os seus efectos e a documentación académica necesaria para garantir a mobilidade do alumnado.

    Esta disposición ten, igualmente, a finalidade de regular os requisitos mínimos das escolas oficiais de idiomas no relativo á relación numérica entre estudantes e profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

  • Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:

    Regular mediante instrucións ou circulares de organización e funcionamento ditadas por esta Dirección Xeral.

  • Rango da norma:

    Decreto